Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnado do IES Ribadeo Dionisio Gamallo consigue o 2º posto en Galicia na XXIV edición do concurso Euroscola

Ribadeo 4-5-18. O alumnado da materia de EUROPA do IES RIBADEO DIONISIO GAMALLO acadou o 2º posto en Galicia na XXIV edición do concurso EUROSCOLA, centrado neste 2018 na celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
O Concurso EUROSCOLA é unha iniciativa da Oficina do Parlamento Europeo en España coa colaboración da Representación da Comisión Europea en España e a Secretaría de Estado para a UE (Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación). Mediante este concurso se selecciona aos 15 centros españois que participarán (1 por cada comunidade), durante o curso 2018-2019, no Programa EUROSCOLA do Parlamento Europeo en Estrasburgo (Francia).
O obxectivo desta convocatoria era reflexionar cos xoves sobre o que significa e representa o patrimonio cultural europeo. Un patrimonio cultural que une a Europa a través da súa historia e os seus valores comúns e que axuda a entendermos e representa a riqueza e a diversidade dos nosos pobos.
O equipo de traballo para este proxecto está composto por: Carla Díaz Leiras, Clara García Pulpeiro, Alberto González Díaz, Eva Iglesias López, Clara Meijide García e Noa Valea Acevedo. A materia de EUROPA, impartida polo profesor de Filosofía J. Manuel Yáñez Dablanca, é una materia optativa de libre configuración para 1º de bacharelato e de oferta exclusiva do Centro.
O seu traballo consistiu en elaborar un vídeo, cunha duración máxima dun minuto e trinta segundos cuxa temática trate algún dos obxectivos do Ano Europeo do Patrimonio Cultural; cada equipo debeu, ademais, realizar un vídeo de “making of”. O equipo do IES Ribadeo ten unha conta en twiter, @cosmopolitas1, onde dinamizan os contidos, e os vídeos poden atoparse en youtube, en vimeo e na propia páxina do centro.
No presente curso o alumnado participou tamén no Modelo de Parlamento Europeo, un programa educativo promovido pola Fundación San Patricio, cuxo obxectivo é fomentar nos xoves a conciencia de cidadanía europea e a cultura de debate parlamentario construtivo, e onde os estudantes teñen a oportunidade de investigar sobre diferentes temas de actualidade europea, dar a súa opinión, presentar propostas, e chegar a ser parlamentarios por uns días, a nivel nacional e europeo. Elaboraron tamén traballos e contidos para o proxecto esdelibro, para estudiantes.elpais.com, e o vindeiro luns 7 de maio participarán nunha actividade de educación política europea xunto co alumnado de 4º de educación secundaria do Centro (que foi seleccionado para o programa ERASMUS+ de intercambio co centro alemán Karl von Frisch Gymnasium de Dusslingen) e que nos levará ata o Parlamento de Galicia, desde onde daremos os nosos primeiros pasos sociais e políticos para coñecer a realidade da Unión Europea e o papel que cada un de nos deberá xogar para conseguir un futuro positivo e en progreso. Esta actividade levámola a cabo entre varias adicadas ao DÍA DE EUROPA (9 de maio).
Con esta actitude e desde esta perspectiva queremos situar ao noso centro e ao noso alumnado nunha posición de apertura á realidade social e política que nos vai tocar vivir, e contribuír así a un futuro en común.

Exit mobile version