Burela, 21 de maio de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, considera escasos os 7 socorristas cos que contará Burela con cargo ao Plan de Cooperación da Xunta. Para Llano esta non é unha boa forma de apostar polo turismo.
O rexedor explicou que “hoxe comunicáronnos desde a Delegación Territorial da Xunta que tiñamos para este verán 7 socorristas, son os mesmos que tivemos o ano pasado e sinceramente parécenos que se trata dun número reducido”.
Llano lembrou que “antes contabamos con dez socorristas para tres meses e agora contamos con sete para dous meses unicamente”.
Para o alcalde de Burela “si realmente apostamos polo turismo e por ter un servizo ben dotado nas praias debéramos de ter mais interese en traer máis profesionais para atender os nosos areais durante o verán, que é cando realmente se move a xente na Mariña. E debemos dar unha boa imaxe e ter a seguridade de que os que van bañarse ás nosas praias poidan facelo con tranquilidade e calidade na atención”.
O rexedor subliñou que “realmente existe unha contradición entre apoiar o que é o turismo e despois non dar os medios e as fórmulas para poder levalo a cabo. En Burela este ano recuperamos a bandeira azul para a praia do Portelo, o que significa que deberamos ter a garantía de ter este areal e tamén o de Ril, de Cabaliño e da Marosa con suficiente persoal. Menos mal que nós tivemos a previsión de deixar lista a posible contratación dun socorrista a través do Plan Único da Deputación. En total serían 8 socorristas, pero para atender ben ás nosas praias e as necesidades da xente serían necesarios dez profesionais para cubrir todas as quendas, os seus descansos, e máis horario de cobertura”.
E engadiu: “benvidos eses 7 socorristas, pero para cumprir as expectativas e as necesidades do noso concello non son suficientes nin en tempo nin en cantidade”.
Por outra banda, Alfredo Llano, contou que “este mércores, 23 de maio, teremos aquí unha pala oruga da Deputación de Lugo para colocar ben a area da praia do Portelo, para equilibrala e para que estea o areal listo para empregarse en cando a xente o considere oportuno”.