Site icon Crónica3.com A Mariña

África no castelo do Castrodouro

Alfoz, 26 de maio de 2018. O grupo BatukoTabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, actuou hoxe en Alfoz no Castelo do Castrodouro marco da xira por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a interculturalidade e a inclusión.
O concerto complementa a mostra fotográfica ‘Galicia-Cabo Verde: unha irmandade’ e unha exposición da ONG Mans Unidas sobre a muller e a niñez en África que inaugurou tamén hoxe Xabier Pardiñas, Tenente Alcalde e Concelleiro de Cultura e Turismo do Concello de Alfoz, e poderán visitarse durante o mes de xuño.
A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de BatukoTabanka. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións.

Exit mobile version