Ribadeo, 23 de maio de 2018. O son e o colorido do Entroido inundarán as rúas de Ribadeo o 14 de xullo. Acisa organiza o I Desfile de Charangas que se celebrará ese día a partires das 20:30 horas. Todas aquelas charangas da Mariña e do Occidente de Asturias que desexen participar nesta cita poden inscribirse ata o 30 de xuño ás doce da noite no correo info@acisaribadeo.es, vía whatsapp no 663 39 62 26 ou por teléfono chamando ao 982 120 565. As bases estarán colgadas redes sociais de Acisa e tamén na súa web.
Todas as charangas participantes recibirán 200 euros en vales de compra (cada unha) para consumir nos locais asociados a Acisa Ribadeo e tamén un trofeo como recordo de ter participado nesta novidosa iniciativa.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, dixo que “é unha novidade para a asociación e para Ribadeo. Agardamos que sexa un atractivo visual e económico para a vila, para o seu comercio e para a súa hostalería”.
Iriarte fai unha chamada “á participación das charangas da Mariña e do Occidente de Asturias para gozar dun desfile espectacular en pleno verán. Agardamos que teña éxito, que lles guste aos veciños e veciñas de Ribadeo e de toda a contorna e tamén a todas esas persoas que pasan as vacacións na vila e en toda esta zona”.
Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos subliñan que “non estamos diante dun concurso. Isto é un desfile solo para charangas, co que pretendemos encher de colorido as rúas de Ribadeo na tarde noite do 14 de xullo. Queremos animar tamén á xente á que lle apeteza a que aproveite para disfrazarse e vivir un auténtico carnaval de verán nos locais hostaleiros, nas prazas, nas rúas de Ribadeo. Pero insistimos en que o desfile solo é para charangas. Todas as participantes recibirán o mesmo premio, 200 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados a Acisa e unha figura como recordo de ter participado neste día. Estaremos no verán, agardamos que faga moi bo tempo e que as charangas poidan lucir en condicións os seus traxes”.
A presentación do I Desfile de Charangas tivo lugar na praciña de San Roque, a carón dos Cocos. No acto participaron o presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, o xerente, Jesús Pérez, e Carmen Cruzado, vogal da directiva.