Ribadeo, 22 de maio de 2018. Acisa felicita aos gañadores do XIII Ribadeo de Tapeo, dos que varios son asociados. É o caso de Texturas Galegas, Parador de Turismo e Marinero.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte, subliña que “estamos moi satisfeitos dos premios acadados polos establecementos asociados. Dos 44 participantes nesta edición do Ribadeo de Tapeo, 25 son socios de Acisa. É unha cifra moi importante”.
Iriarte quere “felicitar a todos os participantes nesta cita gastronómica, que organiza o Concello de Ribadeo, pero sobre todo aos nosos asociados e asociadas. Son moitos os esforzos que os restauradores fan, preparan as tapas e algúns os seus locais, e serven miles de preparacións durante os dez días que dura o tapeo. Moitos deles compatibilizan as horas de servir as comidas e ceas coas tapas. E o resultado está aí. Hai moito traballo detrás, pero merece a pena”.
O presidente de Acisa anima “a que os nosos hostaleiros e hostaleiras a seguir traballando, dando o mellor de si, porque ao final sempre hai recompensa”. Iriarte engade que “desde Acisa imos organizar varios eventos ao longo dos vindeiros meses para os que precisamos a implicación da hostalería asociada local”.