O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asistiu ao acto de entrega e sinalou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que depende da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, xestiona con dilixencia os procesos de adxudicación para que se ocupen as vivendas de promoción pública que ten na provincia á maior brevidade posible.
Balseiro explicou que a recente renovación das listas permitiu reiniciar os chamamentos en Viveiro, que tiña vivendas baleiras pero esgotara a relación de candidatos. Neste sentido, instou ás persoas que estean interesadas en optar a unha vivenda de promoción pública a que se inscriban no Rexistro Único de Demandantes; poden realizalo presencialmente ou a través da sede electrónica da Xunta e ten unha vixencia de tres anos.
Este rexistro serve de base aos sorteos polos que se elaboran os listados de adxudicatarios nos distintos municipios; os últimos listados foron aprobados ante notario o pasado mes de febreiro.