Site icon Crónica3.com A Mariña

A Residencia de maiores de Burela celebra o seu 25 aniversario cunha xornada especial na que non faltou música e teatro

Burela, 4 de maio de 2018.- A residencia de Burela, centro de titularidade autonómica que depende da Consellería de Política Social, cumpre 25 anos ao servizo das persoas maiores e para celebralo vén de organizar unha xornada con diversas actividades para os seus usuarios, familiares e persoal.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sumouse aos actos de aniversario e salientou que a residencia presta un servizo de máxima calidade para as persoas maiores e dependentes da zona, achegando os coidados oportunos e fomentando o seu benestar físico, psicolóxico e social.

As actividades comezaron a primeira hora da mañá cun almorzo especial seguido dunha celebración relixiosa e dunha petiscada, que serviu á súa vez como espazo de confraternidade, e que estivo amenizada polo dúo musical Aromas. Xa pola tarde, tivo lugar a representación da obra “Os amores do Mariñán” a cargo grupo de teatro O Bordelo.

Na actualidade as instalacións contan con 88 prazas dispoñibles en réxime residencial, 30 delas para usuarios con dependencia e o resto para autónomos, ademais, hai 40 prazas adicionais no centro de día. O cadro de persoal esta composto por 47 profesionais, entre persoal de atención directa (limpeza, xericultura, ATS, lavandaría, cociña) e os empregados de administración e dirección.

A Consellería de Política Social asume a xestión directa da residencia, e os gastos de persoal e mantemento. Ademais nos últimos dous anos, vén de investir preto de 85.000 euros en distintas obras e equipamentos, incluído a recente mellora das habitacións con novo mobiliario e traballos de pintura e renovación de pavimentos.

“Coa celebración destas vodas de prata, a residencia de persoas maiores de Burela busca encher de ledicia e dinamismo un centro aberto e en constante contacto co entorno e que aspira a converterse nun espazo no que os residentes estean satisfeitos e sintan case como o seu fogar”- concluí Balseiro.

Exit mobile version