Site icon Crónica3.com A Mariña

“12.000 parias”

A promulgación da lei de dependencia foi un avance social importante cara a converxencia coa denominada Europa do Piar Social, é unha posta a punto do sistema, que viña a recoñecer os dereitos de aqueles que tradicionalmente eran tratados como parias da sociedade. Cando menos era un alicerce para que as persoas dependentes contarán con axuda de forma digna. Parecía que se avanzaba nunha mellora da realidade social que daba oportunidades e que poñía ás administracións como garantes e custodios dunha xente necesitada, verdadeira función por certo.
Pero entón chegou o PP, calculadora en man, e mandou parar. Aplicaron pois, a medida de Groucho Marx, de Groucho, non se asusten (aínda están viaxando ó centro) que é: “A política é o arte de buscar os problemas, facer unha diagnose falsa e aplicar os remedios equivocados” na lei de dependencia, no Estado e na Xunta esa é a política que aplica o PP.

12.000 persoas en Galicia, un concello xeitoso, están esperando que a Xunta lles axude na súa situación persoal, están esperando que a Xunta cumpra con unha lei á que fai pouco caso. No mellor dos casos, unha acción que por decreto ten que resolverse en tres meses, a nosa Administración está tardando de media doce, iso é axilidade e xestión, o resto son parvadas. En situacións doce meses son unha eternidade, pero non é so este o problema: burocracia, trámites, resolucións inxustas …o Presidente Feijoo é un “austericida”, un político ten que darse conta que non é o mesmo paralizar ou non poder facer unha estrada que deixar a toda a poboación de Baiona, Ordes ou Bueu sen atender e sen darlle solución. É unha cuestión de dignidade das persoas que necesitan axuda de todos, iso non é política?

Feijoo falla a Galicia e falla á xente que máis o precisa. Galicia precisa pola nosa realidade: avellentamento, dispersión, comunicacións … unha aplicación seria e formal da Lei de dependencia, aquí non vale a calculadora señores gobernantes

Max De Pree dixo: “A primeira responsabilidade dun líder é definir a realidade. A última é dar as grazas. Entre as dúas circunstancias, o líder é un servente” en dependencia, entre outros, a política de Feijoo e do PP non serve, pois pregunto eu, onde está o líder?

Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG.

Exit mobile version