Site icon Crónica3.com A Mariña

Un maior de Trabada ou Ribadeo poderá acceder ás novas residencias con menos de 300 euros ó mes: en Foz necesitará aportar ata 1.375 euros, indican os socialistas

Foz 24-04-2018.- Improvisación e mala xestión. Cando o alcalde de Foz, Sr. Javier Jorge Castiñeira, solicitou á Xunta de Galicia a encomenda de xestión da nova residencia, aduciu como motivos unha maior celeridade na apertura do servicio e a conservación de tódolos postos de traballo do vello asilo. Máis de dous anos despois, seguimos coa residencia pechada, coas instalacións degradándose e cos nosos maiores aparcados nas instalacións do antigo asilo, completamente desfasadas.
Neste tempo o alcalde presentou diversas mocións, virando da súa idea inicial de adxudicación directa, a dedo, a unha licitación en concurso público. Pasou de garantir no 2016 a conservación de tódolos postos de traballo do vello asilo a dar a calada por resposta. Fixeron falta dous anos e multitude de informes xurídicos para que o alcalde empezase a entender que hai unha legalidade que cumprir, dous anos perdidos sen residencia.
O PSOE quere recordar que a competencia na materia de residencias de maiores é da Xunta de Galicia, que foi quen construíu o edificio e a encargada do funcionamento do servizo a través do Consorcio Galego do Benestar. Cando o alcalde solicita a xestión, o Concello de Foz asume unha competencia impropia, estando obrigado a presentar e cumprir un Plan Económico – Financeiro para garantir o equilibrio das contas.
O Anteproxecto para a xestión da residencia que presenta o concello establece uns prezos para os usuarios de entre 900 e 1.375 euros, en función do grao de dependencia. Isto é, que o usuario asuma todo o custo do servizo: quen se pode permitir pagar 900 euros ó mes? Que acontece coa xente que ten menos recursos?
A media de pensións en Galicia é de 900 euros ó mes: todos os pensionistas con ingresos por debaixo desa media non poderían acceder á residencia de Foz, a gran maioría dos nosos maiores.
Nas novas residencias de Trabada e Ribadeo, conveniadas coa Deputación de Lugo, os usuarios aportarán como máximo o 75% da súa capacidade económica: unha persoa cunha pensión non contributiva poderá acceder a unha praza por menos de 300 euros ó mes, o importe restante apórtano Deputación e Concello. Unha xestión similar acontece nas Residencias da Xunta.
Desde o PSOE de Foz denunciamos a opción do alcalde: unha residencia elitista, só accesible para xente cunha capacidade económica moi elevada. Defendemos o dereito dos nosos maiores a acceder a unha praza nunha residencia pública, pagada con diñeiro de todos. Defendemos a necesidade de que as administracións garantan unhas condicións de vida mellores ós anciáns e á xente máis vulnerable, ás persoas sen recursos.
Non estamos de acordo con este modelo de residencia, inxusto e anti-social. A improvisación e a falta de xestión do alcalde queda outra vez exposta: traballaremos para que isto cambie. Foz ben o merece.

Exit mobile version