Lugo, 24 de abril de 2018. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes, co voto en contra do Partido Popular, a moción presentada polo Goberno Provincial para instar á Xunta de Galicia a que execute un plan de contratación de profesionais de atención primaria, de mellora de centros de saúde e atención pediátrica. Na mesma sesión, o Goberno Provincial destacou que mentres a Xunta de Galicia escatima fondos para a sanidade na provincia de Lugo, “o Goberno da Deputación inviste 9,6 millóns de euros, dende o ano 2015 ata a actualidade, para a atención profesional de máis de 10.000 veciños da nosa provincia” destacou a Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo.
O acordo tomado pola Corporación provincial a proposta do Grupo de Goberno inclúe as seguintes medidas:
1°.- Realizar un plan de contratación de profesionais de atención primaria que permita ampliar o volume de persoal na nosa provincia e así evitar o peche de centros e a concentración de servizos, así como cubrir con garantías as baixas e vacacións sen que iso supoña unha saturación do sistema e unha perda de calidade asistencial.
Neste senso, López Izquierdo destacou que “dende a chegada do Partido Popular ao Goberno da Xunta de Galicia no ano 2009, a cifra de contratación de médicos é tan baixa e insuficiente que non chega a cubrir as necesidades do sistema na nosa provincia. Polo tanto, unha maior contratación de profesionais suporía non ter que concentrar servizos, achegando a atención necesaria e profesional á cidadanía. E non o digo eu, o din os colexios médicos, as asociacións de profesionais do sector, os pacientes e toda a poboación, que seguimos loitando contra a lei de saúde imposta polo señor Feijóo”.
2°.- Establecer un programa de reforma e construcións dos centros de saúde na provincia de Lugo, que permita ampliar e mellorar a rede de centros actual, tendo en conta o tamaño e tipo de poboación a atender, así como criterios estratéxicos de fixación de poboación.
“Xa fai 9 anos que o Goberno Socialista de Touriño presentaba un Plan de Mellora de atención primaria, que proxectaba 70 novos centros de saúde por toda a Comunidade Autónoma e que, por suposto, foi desbotada polo PP. Agora, como lles gusta facer a vostedes, fan moitos anuncios, pero nos orzamentos todas esas promesas non están reflectidas”.
3°.- Desenvolver unha estratexia de mellora da atención pediátrica en primaria, de maneira específica, que contemple a ampliación da oferta formativa e unha política de discriminación positiva en materia de recursos humanos.
“O 33% dos Concellos da provincia sofren na actualidade falta de persoal en atención pediátrica. Atopamos exemplos de municipios con grandes hospitais, como o da Costa en Burela, que continúan sen pediatra e debe desenvolver este servizo o profesional de medicina xeral, ou o de Navia de Suarna, que leva dous anos esperando a que se cubra a praza. Dende o Goberno Socialista sabemos que o problema da precariedade laboral da atención primaria ten solución, pero esixe vontade e diñeiro, o que non quere o Partido Popular” subliñou López Izquierdo.
O 40% dos médicos de Primaria estarán xubilados
“Dende o Partido Socialista vimos previndo, dende os últimos anos, ao Partido Popular, da situación de falta de persoal cualificado coa que contamos hoxe en día. Na actualidade, o 40% dos médicos de atención primaria da provincia cumpren ou cumprirán 65 anos entre este ano e o 2022, e por suposto, poderán xubilarse, o que conleva un serio problema para o futuro e estabilidade deste servizo básico, pois como todos sabemos atópanse entre os especialistas máis difíciles de substituír. Por exemplo, no Sagrado Corazón da cidade de Lugo, en ano e medio a totalidade do persoal sanitario podería xubilarse”.
Aprobada a moción do Goberno para incrementar os fondos en Cultura
O Pleno da Deputación tamén aprobou, co non do PP, unha moción, na que se demanda á Xunta que se recuperen os investimentos de 2008 e 2009 para bibliotecas, fomento da lectura, edición de libros en galego, normalización lingüística e mesmo en cooperación ao desenvolvemento.
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto remarcou “os constantes recortes en promoción cultural do PP, tanto na Xunta como no Goberno Central, como así o denunciou o Consello da Cultura Galega, xa que nun informe recente alertaba de que a situación de moitas bibliotecas é mellorable, principalmente pola carencia de persoal”. E advertiu “que a Xunta de Galicia debería afrontar esta situación, e impulsar unha política de cooperación interinstitucional, e non reducir a súa actuación á mera tramitación de subvencións, tal e como sinala o propio Consello da Cultura Galega”.
García Porto tamén aludiu as criticas do sector cultural “xa que denuncian que a forte diminución nos orzamentos en materia de cultura aplicados desde o ano 2009 ata hoxe aconsellan unha revisión das políticas públicas que contemplen incrementos para contribuír á recuperación do sector. Ademais, o Consello Cultura Galega tamén chama a atención sobre a pouca presenza da cultura galega no espazo dixital e recoméndalle á Xunta reforzar políticas públicas destinadas a potenciar o tecido de medios de comunicación e plataformas de cultura en lingua galega”, advertiu a Deputada.
Continuos recortes da Xunta
Coas cifras na man García Porto denunciou recortes nos capítulos orzamentarios de 2018 en materia de cultura do Goberno de Feijoo, concretamente, no tocante aos fondos para normalización lingüística hai 7,62 millóns de euros, cando no 2009 esta cifra era de 21,5 millóns de euros. Algo semellante sucede coas bibliotecas, arquivos e fomento da lectura, as cifras sitúanse por debaixo da metade do nivel acadado en 2009.
Compre salientar a situación do capítulo para adquisición de fondos bibliográficos, que no ano 2009 contaba con 2,4 millóns de euros, e nesta anualidade é de 425.000 euros, o mesmo que o ano anterior. Sobre á promoción do libro e da lectura e as axudas á edición de libro en galego redúcese no 2018 a asignación total para feiras culturais–feiras do libro en Galicia e feiras internacionais do libro, tal como denuncian as propias editoriais.
García Porto tamén aludiu “aos recortes ata nun 51% para á promoción da lectura, o que converte a Galicia na quinta comunidade autónoma con menor hábito de lectura de España. O 57% da poboación di ler algún libro durante o ano pasado, unha porcentaxe que está por baixo da media estatal, segundo o último informe publicado polo Ministerio de Educación e Cultura”. Sinalou ademais “que a área de normalización lingüística da Xunta é a que máis orzamento perdeu dende a chegada de Feijoo, cunha cifra total pouco máis da terceira parte da que había en 2009”.
Máis dun millón de euros da Deputación
Pola contra destacou a promoción cultural que se esta facendo dende a Deputación de Lugo “a través do Plan Único, que na pasada anualidade promoveu 699 actividades, para 515 colectivos cun total de 1.110.101 euros. Só con estas actividades xa superamos o 1% que se lle pide á Xunta por parte do Consello da Cultura Galega”, resumiu.