Ribadeo 7-2-18. A Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza, para este venres día 9, un recital poético de Paco Rivas, que declamará algúns dos seus poemas. Será acompañado, ao piano, por Elena López Sampedro, no local da academia de música Vírgula ( Rúa Enxeñeiro Shultz, 2).
Unha boa oportunidade para oir poesía e música á vez!
Paco Rivas, veciño da Mariña, non só escribiu varios libros de poesía. Interesado en temas literarios, lingüísticos e antropolóxicos, publicou diferentes estudos, propostas didácticas, adaptacións literarias e traducións de carácter pedagóxico como Ensino e Análise Transaccional de Marie J. Chalvin (Laiovento, 1998). É salientable a súa traxectoria como lingüista e lexicógrafo, ámbito no que publicou diversas obras entre as que destacan as realizadas no campo da lingua mariñeira, como Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa (2000) ou o Dicionario Fraseolóxico do mar. No ámbito da poesía publicou numerosas colaboracións en revistas e participou en escolmas poéticas, para alén dos seus propios libros: Cantaruxos do meu mar e outras cantigas (1999) De ti perdidamente (2002), Palavras Perdudas (2007), Entre Nois e Pena Orxal (2009), Camiñane de ningures (2012), Traca-traco. 24 cantigas de nanar, un aloumiño e un arrolo (2015) e unha Escolma poética (2017).