Hai uns días a ¿periodista? Juana Carrera, da COPE de Ribadeo, dedicáballe unha canción á alcaldesa de Lourenzá cuns comentarios previos nos que faltaba á verdade e profería insultos e descualificacións cara á persoa de Rocío López, os seus compañeiros e a institución que representa, o Concello de Lourenzá.
Sra. Carrera, Rocío López non é a alcaldesa de Vilanova de Lourenzá, como vostede di, que tamén, senón que é a alcaldesa de Lourenzá, de todo o concello. Infórmese, Vilanova é a capitalidade do concello.
Estiven informándome de cales eran os principios básicos do periodismo e resulta que son, entre outros, a verdade e a precisión, a independencia, a equidade e a imparcialidade, a humanidade e a responsabilidade. Analice vostede, Sra. Carrera, cantos cumpre.
Fala vostede da alcaldesa de Lourenzá coas mesmas palabras que emprega sempre a voceira popular, a Sra. Álvarez Chao. Fai o mesmo cando se refire a min. Quedo cunha dúbida, deulle ela o texto xa escrito ou foi froito da súa pericia investigadora? Chamou vostede ao Concello para contrastar a información? Que eu saiba, en case tres anos que levamos gobernando en Lourenzá, veu só unha vez polo noso concello para entrevistarnos co gallo da última edición da Festa da Faba.
Tamén ten vostede un gran descoñecemento do funcionamento dun concello. As decisións sobre obras, licencias, etc., tómanse na Xunta de Goberno e non no Pleno como vostede da a entender. Pase vostede cando queira polo Concello e poderá enterarse de todo o traballo que levamos feito nestes dous anos e medio, a pesar da herdanza recibida, e dos proxectos que temos para o futuro. Infórmese e non fale polo que lle contan desde o Partido Popular.
Non sei a capacidade que ten vostede como futuróloga, cando asegura que Rocío López non volverá a ser alcaldesa. En Lourenzá, Sra. Carrera, por sorte votan os veciños e as veciñas, non o fai nin a Conferencia Episcopal nin os ¿periodistas? da dereita rancia que vostede representa. Deséxolle o mesmo éxito nos vaticinios como na súa talentosa carreira periodística.
Para rematar permítame vostede un consello, empregue o galego máis a miúdo e colabore un pouco na normalización lingüística, fágalle un favor ao país.
Por certo, Sra. Carrera, tome estes comentarios tamén sen acritude …
Manuel Arango Ron, tenente alcalde e voceiro do equipo de goberno do Concello de Lourenzá