Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas critican o “ridículo espantoso” do goberno galego ao perder o laboratorio de bivalvos e agora o de crustáceos

Santiago de Compostela, 02 de febreiro de 18. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, lamentou hoxe o “ridículo espantoso” protagonizado polo goberno galego que levou a que Galicia perdera a sede do Laboratorio Europeo de Bivalvos e o Centro de Crustáceos que ata o brexit se situaban no Reino Unido. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamar transparencia nos datos de inspeccións de pesca, que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista lamentou a “fuxida cara adiante” do goberno galego, que “segue sen dicir a verdade” sobre o Laboratorio de Bivalvos. Lembrou que o Executivo autonómico defendía a candidatura de Galicia para acoller este organismo sen ter presentado a solicitude e mesmo despois de saber que sería desmantelado pola UE.

Comparou esta situación coa do laboratorio de referencia de Crustáceos, integrado no anterior pero que neste caso non será desmantelado, pero será destinado a Dinamarca e non a Galicia co voto favorable dos representantes do Goberno de España, que este luns apoiaron a decisión.

Inspeccións

A responsable socialista utilizou esta xestión como exemplo da falla de transparencia e opacidade do goberno galego e que recae finalmente no propio sector. Toja sacou a colación esta situación no debate dunha proposición non de Lei para reclamar transparencia e dispoñibilidade de datos sobre as inspeccións en materia de pesca, que foi rexeitada polo voto en contra do PP.

Toja acusou ao goberno galego de agochar que entre 2014 e 2017 teñan reducido ás agochadas nun 25 por cento o número de inspeccións sen coñecer as causas, pasando das 16.437 do ano 2014 ás 12.200 de 2017.

Os socialistas reclamaban hoxe mellorar a coordinación entre as autoridades competentes que participan no control e execución da normativa de pesca tanto a nivel nacional como das comunidades autónomas e promover a publicación de informes autonómicos anuais que inclúan datos sobre o control e cumprimento da normativa pesqueira.

Exit mobile version