Site icon Crónica3.com A Mariña

O ROCHO DO CRONISTA(II): feitos, xentes e anécdotas… “ UN OSO NO BISPO SANTO”

Verán de 2005; a nova deixáranos abriado: “un artista alemán ultima a unión virtual entre Foz e a súa antípoda”. ¿Qué se nos perdería a nós por aló? ¡Ninguén o sabía!. ; pero eso decraraban Joerg Jozwiak, o promotor da cousa, e o goberno municipal, entusiasmado…
Non soubemos mais da intrépida iniciativa e, despois de pasado un tempo mais que prudencial, á espera de acontecementos, demos por cancelada a insólita noticia, coa mesma indiferencia coa que no seu día a acolléramos porque, ademais, os que por razóns biolóxicas chegamos a destempo á cultura “do virtual”, sempre mantemos certa reserva ante tanta marabilla…
O que sí espertou a curiosidade, e aínda unha remota esperanza foi a paralela, e estrana, presenza dun oso polos contornos do monte do Bispo Santo porque, aínda que morto,pensamos que podería ser sinal de vida (non morre o que non vive) e, sen ser o hábitat idóneo para o animal, cunha pouca de imaxinación e moita fe, poderíase contemplar o posible de que aquela paraxe, pola que xa señoreaba o xabarín e o corzo, se convertese en reserva de caza maior. ¿Imposible…?. Os focegos estamos de volta de feitos que rachan coas leis naturais e coa lóxica. ¿Non foi dende alí que San Gonzalo, contrariando as leis físicas e os razonamentos escolásticos, afundíu a frota de naves normandas…?
Pouco había que persoeiros da Xunta de Galicia dixeran na Mariña que a procura dun “turismo de calidade” pasaría pola oferta dun ocio que se asentaría no deporte náutico – os portos deportivos – e o golf- campo que hai preto de dúas décadas dábase por feito; e que “a caza maior exerce grande atracción para a consolidación do turismo no noso concello”, decía voz autorizada. Pero, sen porto e sen golf, quedaba a alternativa da caza maior; e neste senso era o oso a derradeira esperanza; mais o do plantígrado resultou unha quimera, un espellismo. A vida está chea de frustracións…
De tódolos xeitos hai voces que defenden a vía da antípoda; son as de aqueles e aquelas que ven nela unha solución parcial para o problema da depuradora; a súa urxencia fixo que a Corporación Municipal non tardara mais alá de ¡…vinte anos!, en porse de acordo sobre o emprazamento da mesma (cerebros de munícipes hai que botan fume, polo esforzo realizado). A estratexia consistiría en desprazar para a antípoda unha parte importante do turismo que se xeraría mercede ó éxito da chamada producida por tan cualificada oferta: que, engadidos ós nosos vellos e recoñecidos atractivos, sen dúbida convertirían a Foz en toda unha “meca” turística da que, cando menos os “desprazados”, quedarían liberados da cheirume. ¡Todo se andará! : posiblemente para o vindeiro Carnaval…
En calquera caso, de momento desexamos a amigas e amigos lectores, unhas pracenteiras e venturosas “carnavaladas”. É o que por agora procede. E, despois .… que tamén sexan felices…!

Exit mobile version