Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación estamos comprometidos coa promoción e divulgación dos espazos rurais da nosa provincia, dentro da aposta da Deputación pola defensa e impulso do rural. A publicación Gorca Rete é unha novela de ficción que promove o valor social e patrimonial das vilas Bogo, Vilarxubín e Sampaio, así como das súas xentes pois a obra conta coa aparición de veciños do lugar coñecidos pola escritora”.
Sinopse de Gorca Rete
A novela infantil trata da vida do fotógrafo Gorca Rete, que tras intentar fotografar en Bogo a unha corza dando a luz, tropeza e sufre un accidente, no que falece e se converte en trasno.
É entón cando o fotógrafo comeza a narrar a historia sobre a maxia nos bosques situados no “Triángulo dos Trasnos”, que conforman as aldeas que rodean o río Reigosa: Bogo, Sampaio e Vilarxubín, nesta última é onde o fotógrafo trasno remata a súa viaxe colocado nun pedestal, converténdose nunha estatua para reivindicar o valor do rural, e promover a conservación das vilas.
Ao longo da viaxe, Gorca retrata a actividade social neste triángulo máxico con personaxes como o dono da taberna, Daniel do Pérez, as lavandeiras do Ponte de Paradela, ou gaiteiro Poldo, de Vilaeimil.
Monse Fernández Álvarez
Monse Fernández Álvarez (Ourense), viviu a súa infancia en Calatayud. Iniciou os seus estudos universitarios en Zaragoza, que rematou na USC, pasando por unha estancia en Tromsø (Noruega). Dende 2008 a escritora asentouse en A Pontenova xunto a súa familia, onde rexentan a Casa do Fidalgo, situada na parroquia de Bogo. Como a súa familia é descendente do fidalgo, decidiron habilitar o pazo, que levaba abandonado dende 1937, para acondicionalo como unha casa de turismo rural. A parte de dedicarse á escritura e á hostaleira, a autora tamén canta, toca o piano, o acordeón e a gaita.