Lugo, 2 de febreiro de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández Queipo, presentou este venres a III Xornada de Urbanismo da provincia de Lugo, que terá lugar o 6 de febreiro, no Pazo de San Marcos, está dirixida a técnicos e secretarios dos Concellos, así como persoal relacionado coa actividade urbanística. Esta terceira edición tratará sobre as licencias municipais e as comunicacións previas e o acceso será libre.
Campos Conde subliñou que “dende o Goberno traballamos continuamente para dar resposta ás demandas en materia de Urbanismo que expoñen os Concellos da provincia para cumprir coa normativa existente. Nesta terceira edición das xornadas, contaremos con dous relatores de gran prestixio dentro da actividade urbanística autonómica, como son Vanessa Gómez, Xefa do servizo xurídico da Dirección xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio, e Ignacio Soto, arquitecto municipal de Teo”.
O Presidente avanzou que “no 2016 puxemos en marcha estas xornadas, que ano tras ano espertan un gran interese, o que dá boa conta da importancia de desenvolver accións formativas neste eido. Neste senso, estamos profundamente comprometidos coa formación dos empregados municipais da provincia e, por iso, seguiremos promovendo nos vindeiros anos accións formativas coas que mellorar as prestacións e a calidade de vida dos nosos veciños”.
Os obxectivos desta xornada son, por un lado, dar a coñecer unha visión xeral do réxime de intervención administrativa, tanto en obras como en actividades en base ás últimas modificacións lexislativas producidas. E, por outro, profundar en cuestións eminentemente prácticas, tanto dende o punto de vista xurídico como técnico, coas que se atopan os técnicos no seu traballo diario en materia de licencias e comunicacións previas.
Programa da xornada
A III Xornada de Urbanismo celebrarase o día 6 de febreiro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Durante a mesma, levarase a cabo un estudo das distintas formas de intervención administrativa no mundo do urbanismo; afondarase no réxime de licenzas en todas as súas distintas clases, o procedemento do seu outorgamento e as súas posibles causas de extinción; e finalmente, abordarase o tema das comunicacións previas e a súa declaración de ineficacia. Para inscribirse, como data máxima ata o 5 de febreiro, pode facerse no Rexistro Xeral da Deputación, ou ben no seguinte correo; formacion@deputacionlugo.org.