Viveiro 8-2-18. En representación dos veciños de Viveiro, quero felicitar a Puerto de Celeiro pola obtención dun dos Premios Alimentos de España 2017, que o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente lle concedeu destacando a súa traxectoria, as innovacións levadas a cabo na xestión da producción e na comercialización do produto, os seu traballo na reducción do consumo enerxético e, finalmente, a vinculación existente entre a actividade empresarial e social, en relación coa celebración da Festa da Merluza do Pincho, organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Penalba, coa que Puerto de Celeiro colabora.
Esta distinción vén a sumarse á certificación de Galicia Calidade ou ao sello Friend of the Sea, obtidos anteriormente, contribuíndo na promoción e expansión deste produto. En numerosas ocasións teño feito referencia á merluza do pincho como o produto gastronómico máis representativo do noso municipio, un produto de calidade e recoñecemento internacional, do que nos sentimos profundamente orgullosos. Polo bo facer do grupo empresarial Puerto de Celeiro, que se ve recoñecido con premios con este, o nosos máis sinceiros parabéns.
A alcaldesa,
María Loureiro García