Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de cervo forma a persoas desempregadas en actividades auxiliares en viveiros e xardíns

050218 Curso AFD XardineríaCervo, 5 de febreiro de 2018.- O Concello de Cervo está a impartir un curso sobre actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xadinería.
Trátase dunha acción formativa dirixida prioritarimente a persoas desempregadas (AFD) que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria para a que destina, neste caso, 24.843 euros.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, estiveron esta mañá compartindo unha sesión práctica cos 12 alumnos que participan no curso de 348 horas de duración.
É o segundo ano consecutivo que Cervo aposta por esta especialidade, e ao remate da formación os alumnos recibirán o certificado de profesionalidade.
As xornadas prácticas estanse a desenvolver en diferentes zonas verdes do Concello, adaptadas e acondicionadas para a actividade.
No día de hoxe o alumnado estivo traballando na instalación da drenaxe e do rego para o futuro invernadoiro e as parcelas de cultivo que van acondicionar e que “serán tamén un importante reforzo para a formación práctica de cara ás vindeiras xeracións que desexen formarse nesta materia”; sinalou Villares.
Tal e como apuntou Méndez o obxectivo deste curso, que comezou o 13 de novembro e que está previsto que remate o 22 de febreiro, é “que os alumnos executen operacións auxiliares para a implantación e mantemento de xardíns, parques e zonas verdes, así como para a produción e mantemento de plantas en viveiros e centros de xardinería, respectando as medidas de prevención de riscos laborais e o medio ambiente”.
O Concello de Cervo conta cunha aula teórica e tamén cun espazo para desenvolver a parte práctica perfectamente homologadas para a impartición deste curso.
O currículo formativo está formado por tres módulos diferentes; un no que se aborda a temática dos viveiros e centros de xardinería, outro que versa sobre a instalación de xardíns, e un terceiro que afonda no seu mantemento. De tal xeito que no curso o alumnado recibe formación relativa á preparación do medio de cultivo, á comercialización de plantas e o seu manexo, á normativa básica en materia de produción e mantemento de plantas en viveiros e centros de xardinería, aos traballos de replanteo, á contrución e instalación de infraestruturas, ao equipamento e mobiliario de zonas axardinadas, á utilización de plantas ornamentais en xardinería, á implantación de céspedes, ao control fitosanitario ou ao establecemento dos elementos vexetais nun xardín.
Villares sinalou que este curso vemos que pode ser un nicho importante de mercado e de traballo para os veciños, porque un dos obxectivos que temos que ter no horizonte en Galicia, e en Concellos como o noso é o de traballar para tentar aproveitar todo ese potencial que atesoramos no noso rural; para lograr que esas zonas verdes volvan ser produtivas “para que Galicia teña máis riqueza, para que Cervo teña máis riqueza; e, como non, para darlle esa saída laboral aos nosos veciños”.
O curso estase a impartir en horario de mañá no Edificio da Antiga Escola Obradoiro, en Cervo.

Exit mobile version