Viveiro 6-2-18. O BNG de Viveiro, con motivo da celebración do nacemento de Rosalía de Castro, a escritora máis representativa e universal da lingua e da literatura galegas, ven de rexistrar no Concello unha proposta de Declaración Institucional para conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, promover o coñecemento da súa obra e do seu compromiso coa lingua, coas mulleres e co país, co obxecto de que a alcaldesa a eleve ao pleno do día 7 e a corporación municipal a tome en consideración, e seguindo as directrices dunha convocatoria xa consolidada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega /AELG), o Concello de Viveiro acorde Conmemorar o 24 de Febreiro, Día de Rosalia de Castro, Desenvolver actividades para promover o coñecemento da obra rosaliana e apoiar as iniciativas que se desenvolvan no temo municipal para reivindicar a figura e a obra de Rosalía de Castro.
Compre sumar todos os esforzos posíbeis para continuar o camiño por ela iniciado para o galego se converter na lingua en que expresamos todos os nosos sentimentos e emocións, en que desenvolvemos toda a nosa actividade profesional, e, en definitiva, en que realizamos a nosa contribución á cultura universal, e a aprobación desta Declaración Institucional, expresa o desexo e vontade do noso pobo de darlle continuidade ao camiño da nosa propia historia, aseguraron desde o Bng de Viveiro.
Son xa 51 concellos de Galiza, que xunto coas Deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra, se sumaron á declaración do 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, a raíz da proposta presentada nestas institucións pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) que ven impulsando esta iniciativa desde o ano 2011. Cabe destacar que concellos próximos a Viveiro, como o de Burela e o de Foz, están entres os 51 concellos que xa fixeron súa a proposta de AELG.