O portavoz nacionalista no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, declara que o BNG xa ven alertando en varias ocasións da mala calidade da construción do tramo da LU: 124 comprendido entre Mondoñedo e Lindín. “Taludes en vertical e co recheo da ampliación do firme con materiais de pésima calidade que, segundo os técnicos consultados cando estabamos no goberno, non compactará e durará pouco”.
-QUE SE INSPECCIONE A ESTABILIDADE DOS TALUDES DE DESMONTE-
O suceso afortunadamente non provocou danos humanos nin materiais xa que nese momento non circulaba ningún coche polo lugar e, ante o risco de que se produzan novos desprendementos, os nacionalistas urxen ao concello de Mondoñedo para que inste á Xunta de Galicia para que inspeccione a zona de forma inmediata e comprobe a estabilidade dos taludes comprendidos entre Mondoñedo e Lindín e se analicen as medidas a adoptar para evitar novos escorregamentos.