Site icon Crónica3.com A Mariña

Na memoria de Isidro Novo, por Xosé Vázquez Pintor

A Voz da Vida que se labra no Tempo. E ti non dormes no descanso dos acougos, porque es grande de palabra e de obra abertas polos ciclos das venturas. Unha sombra está comigo nas arestoras do Morrazo; e víronte tamén as aves de noso e das distancias. Sempre estás aí, onde a Luz do Sol é madrugueira contigo a pinchos de labareda e de friaxe, canda nós, que somos teus: Amigas e Amigos que nos dá a sempre vida en aura que soñamos; en pranta de carballo e castiñeiro – as nosas raíces de existencias compartidas – e son cabo dos mundos que emigraron e aínda emigran. Somos Nós, Granito, Esencia, Lingua. Espera. Tal eran, son as Matrias da Memoria. Contigo sempre. Luz de Noso. Palabra. Pan e Auga dos sorrisos e das flores que soñamos. A túa imaxe de corpo e voz que magnifica os rostros
e os avisos de fartura colectiva para que a Nosa Terra campe nos espazos infinitos que aínda somos, paseniño e ancha a voz do tempo.
Tal asubío de grandeza solidaria. Sempre en ti.

Exit mobile version