Site icon Crónica3.com A Mariña

María Loureiro agradece a asistencia á manifestación en defensa da sanidade pública

Viveiro, 5 de xaneiro de 2018. Como Alcaldesa de Viveiro quero agradecer e recoñecer publicamente aos miles de veciños de toda a comarca que onte asistiron á multitudinaria manifestación que tivo lugar en Santiago de Compostela contra a nova Lei de Saúde, contra os recortes e contra as privatizacións que está a sufrir a sanidade galega. A Mariña tivo unha presenza notable nesta manifestación; desprazáronse un total de 10 autobuses, dos que 5 partiron de Viveiro, aparte das decenas de vehículos de particulares que partiron desde distintos puntos da Mariña. Quero destacar estas cifras e valorar a implicación destes veciños que, a pesar das inclemencias metereolóxicas do día de onte, acudiron a Compostela para reclamar a retirada deste proxecto de lei que suporá a supresión das áreas sanitarias, como é o caso da Mariña, pasado a depender de Lugo. Quero tamén aproveitar a ocasión para felicitar á “Plataforma Sanitaria da Mariña” e á agrupación local “Somos unha área (Viveiro)” que dende agosto veñen traballando arreo, coa posta en marcha de distintas iniciativas e concentracións, loitando día a día para conseguir a retirada desta reforma sanitaria. Para todos, o meu máis sinceiro agradececemento e gratitude. Non á supresión da área sanitaria da Mariña!

A alcaldesa
María Loureiro García

Exit mobile version