Lugo, 7 de febreiro de 2018. A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, avanzou este mércores que en tan só 2 días “contamos con 972 solicitudes de 550 desempregados lucenses para inscribirse no Ben Empregado 4. A única que non o entendeu e non sabe como facelo é Elena Candia”. Así o informou logo das declaracións feitas pola voceira do PP na Deputación aos medios de comunicación apuntando que o proceso “non estaba claro”.
López Izquierdo destacou que “dende que se abriu a principios desta semana o prazo para inscribirse, foron máis de 550 lucenses en paro os que rexistraron ditas 972 peticións para optar aos 188 postos de traballo que xera o Goberno da Deputación a través do Ben Empregado 4, dotado de con 2,4 millóns de euros. Isto amosa que o procedemento é claro e transparente e non entendemos porque a voceira do PP non sabe como facelo. É tan simple como que lea as bases desta programación, que son públicas”.
“Por iso lle pedimos a Candia que se informe ben e que deixe de enredar. Que explique cales son as políticas do Partido Popular en materia de xeración de emprego na provincia e que fai o Goberno de Feijóo polos case 18.000 lucenses que están en situación de desemprego”.
López Izquierdo lembrou que os interesados en inscribirse nesta programación poden facelo ata o 19 de febreiro. Pode facerse, tal e como xa se informou en distintas ocasións, a través da Axencia de Colocación de 3 xeitos distintos:
1.- Telematicamente: entrando directamente a http://deputacionlugoportalemp.com, que é a dirección da plataforma web da Axencia de Colocación da Deputación, ou ben entrar en www.deputacionlugo.gal e logo clickar no banner a Axencia de Colocación da Deputación para acceder á mesma. Unha vez entrado nesta plataforma, dende rexistrase na mesma e a continuación ir ao Espazo do Demandante, onde verán todos os empregos ofertadas para solicitar os mesmos.
2.- Presencialmente: desprazándose á oficina da Axencia de Colocación da Deputación, que se sitúa no primeiro andar do Pazo de San Marcos. Cómpre lembrar que o Goberno da Deputación ademais de habilitar este espazo, dotouno de medios técnicos, pois habilitou 4 centros de traballo con internet para que os veciños que non teñan conexión se poidan inscribir ao tempo que aprenden como facelo, e humanos, poñendo á disposición dos veciños 8 profesionais que atenden persoalmente calquera cuestión do seu interese.
3.- A través dos Rexistros das Institucións: A outra posibilidade é a de entregar a solicitude de papel a través dos rexistros doutras administracións públicas e organismos, en cumprimento do artigo 16.4 da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das institucións públicas. Será, posteriormente, cando os técnicos provinciais trasladen esta información á aplicación da Axencia de Colocación.
Cómpre lembrar ademais que hai un espazo habilitado sobre o Ben Empregado en www.deputacionlugo.gal no que se atopa toda a información necesaria para concorrer aos postos: listado dos perfís; manual de inscrición na axencia de colocación cos pasos que se deben seguir; e as notas informativas nas que se detallan esquematicamente como é o proceso.
Melloras no sistema de inscrición
López Izquierdo destacou tamén que nesta edición, introducíronse novidades para mellorar o sistema de inscrición para que lucenses en paro concorran aos postos do Ben Empregado.
Entre elas, destacan, a posibilidade de inscribirse dende as súas propias casas; creación dun punto de atención presencial no Pazo de San Marcos que conta con 8 técnicos de información e 4 postos con acceso a internet por se algún veciño o precisase; a non limitación no número de postos a inscribirse ou que, no caso de non saír elixido, quedaría rexistrado na base de datos da Axencia de colocación, permitindo optar a mais postos a través doutros procesos de selección.
20 millóns de euros para emprego
A Deputada de Promoción Económica e Social lembrou que o Goberno da Deputación leva feito un esforzo inversor que supera os 20 millóns de euros na xeración, nos 67 Concellos, de máis de 1.000 empregos para lucenses a través do Ben Empregado e do DepuEmprego. “E facemos todo isto, conscientes da situación de precariedade laboral que existe a pesares de non ter as competencias directas na materia, que son o Goberno Central e a Xunta de Galicia, gobernadas polo Partido Popular”.
López Izquierdo afondou en que “non se coñece proxecto algún do PP para a creación de novos empregos de calidade na nosa provincia, pero vemos un Partido Popular que presume das súas políticas de emprego cando fixeron que, en 2017, o 35% do emprego creado tivesen unha duración de 1 semana, e tan só un 0,8 de contratos indefinidos”