Site icon Crónica3.com A Mariña

Estíbaliz Veiga e Juan Aramburu serán os condutores da gala do entroido de Ribadeo que terá lugar o 10 de febreiro no Teatro e que se desenvolverá ao estilo máis hollywoodiense, onde haberá moitas sorpresas. O martes 13 será o gran desfile e o sabado 17 a tradicional queima

Ribadeo, 2 de febreiro de 2018. Estíbaliz Veiga e Juan Aramburu serán os condutores da gala do Entroido de Ribadeo o vindeiro 10 de febreiro. O 13 será o desfile e o 17 a Queima. O Concello e Acisa, organizadores do Entroido 2018, animan aos ribadenses, hostaleiros e comerciantes a disfrazarse e a saír á rúa.

O programa de actividades dará comezo este fin de semana coa Festa dos Freixós no Teatro. Así, xa dende o sábado a partir das 12.00 horas poderase degustar esta sobremesa típica do Entroido.

Desde ao organización explican que “xa metidos de cheo na troula o 10 de febreiro ben cediño contaremos cun pasarrúas a cargo da Charanga Os Charangos, que animarán as rúas desta vila. Ás 21.00 horas no Teatro continuaremos coa celebración da Gala do Entroido, que xirará entorno a temática Hollywoodiense onde a risa e a sorna están asegurados. Unha hora antes os membros da Carroza do Entroido sairán do parque de San Francisco disfrazados de actores, actrices e personaxes da meca do cine, acompañados dunha das charangas máis importantes de Galicia Charanga Mekánika. Animamos a todo o mundo a que se inspire nesta temática para as súas caracterizacións e nos acompañe, ao igual que o farán outros grupos carnavaleiros da vila. Dende a organización animamos a que trala gala, ribadenses e visitantes manteñan a troula nos bares da localidade”.

Os organizadores engaden que “a gala do Entroido será guiada polos afamados actores/actrices recén chegados de Hollywood, Estíbaliz Veiga e Juan Aramburu, encargados de dar o pregón e conducir a gala. Ademais estarán acompañados de invitados moi especiais”.

No programa de actividades do Entroido 2018 non faltará a comparsa do cocho, que o domingo, 11 de febreiro, a partir das 12:00 horas percorrerá as rúas de Ribadeo acompañada das charangas da vila Aturuxo e A Choca. Xa pola tarde a partir das 17:00 horas, tócalle aos máis pequenos, e así se desenvolverá o tradicional baile infantil de disfraces na discoteca Rosalar coa animación do Grupo Cholo e Nela con Vinte anos dando a nota.

Desde a organización sinalan que “o luns animamos aos entroideir@s a degustar o cocido polos establecementos e a pasar unha velada divertida nos locais de hostalería. O martes 13 será o día do gran desfile, que sairá ás 17:00 horas da tarde da Avenida Rosalía de Castro para percorrer as principais rúas de Ribadeo: San Roque, Virxe do Camiño, Avenida de Galicia, Pérez Martínez, Avenida de Asturias, Clemente Martínez Pasarón, Dionisio Gamallo e rematará diante do Concello”.

Novidades

Como novidade este ano, as inscricións deberán facerse previamente da seguinte maneira: No Rexistro das oficinas municipais ou a través do correo electrónico turismo@ribadeo.org, podendo atopar as bases e ficha de inscrición no taboleiro de anuncios da sede electrónica da páxina web do Concello (http://ribadeo.gal/). O prazo de inscrición rematará o 12 de febreiro ás 14:00 horas da tarde momento no que pecha o rexistro do Concello. Os dorsais serán entregados o mesmo día do desfile entre as 15.30 e as 16.30 horas á entrada do Teatro.
Para obter información sobre a maneira de inscribirse recoméndase chamar por teléfono á Oficina de Turismo de Ribadeo (982 128 689).

Tamén por primeira vez, e para o bo funcionamento do desfile, e despois de desbotar a posibilidade de acurtalo, terase moi en conta a fluidez da marcha dos distintos participantes, que deberán seguir unha serie normas:
•En ningún momento do percorrido poderá haber máis de 15 metros de distancia entre grupo e grupo.
•As charangas, comparsas, grupos e carrozas non poderán facer máis de 7 paradas de exhibición ao longo do recorrido.
•Cada parada de exhibición non poderá superar os tres minutos de duración.
•Todos os participantes deberán respectar as indicacións dos membros da organización, debidamente identificados ao longo de todo o recorrido.

Este ano os galardoados que desexen obter o premio ese mesmo día terán que achegar unha fotocopia do DNI ou no caso de pertencer a unha asociación fotocopia do CIF.

E xa o sábado 17 de febreiro terá lugar a queima do Entroido. Trátase dun dos actos máis destacados do Entroido de Ribadeo. Ás 21:00 horas sairá a comitiva fúnebre das inmediacións do Concello e trasladarase ata a Avenida Rosalía de Castro, onde terá lugar a queima do Entroido, seguida dunha sesión de fogos artificiais e da monumental traca.

Os organizadores recomendan “a todo o mundo a seguir a páxina de facebook do Entroido de Ribadeo, do Concello e de Acisa Ribadeo, para estar a o tanto das novidades e da actualidade carnavaleira”.

Exit mobile version