Non se pode dicir que este colectivo teña feito un uso desaquelado do seu dereito, xa que é súa primeira folga dende que se transferiron estas funcións á Xunta de Galicia, no xa lonxano 1996. A última suba da que desfrutaron estes funcionarios foi a que acordou o Goberno de coalición BNG-PSOE no 2008. Sofriron, por outra banda, a supresión do complemento específico durante catro anos. Arestora os funcionarios galegos deste colectivo son os peores pagados de todo o Estado español.
O noso País está tamén nos últimos lugares canto á informatización e artellamento da Oficina Xudicial , mesmo ben por baixo do territorio onde o Ministerio de Xustiza segue a desenvolver as súas competencias (Extremadura, Murcia, Ceuta, Melilla e as dúas Castelas). Algo impensábel hai só oito anos e que nos fai cuestionar a execución das súas competencias por parte da tan ben dotada orzamentariamente Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
Malia que o conxunto do colectivo desconfía do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, por non ser veraz nas súas propostas, a negociación semellaba mellorar coa mediación da Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. Mais a Xunta refugou esta mediación e sentou canda o director xeral de Xustiza ao director xeral da Función Pública, José María Barreiro, demostrando abondo que non lle preocupa o mal estado da Administración de Xustiza.
Na xustiza, como na sanidade pública, as retalladas da Xunta degradaron o servizo público e empeoraron as condicións salariais e de traballo en xeral. A folga indefinida vai agravar sensíbelmente a xa adiada e sobrecargada Xustiza galega. Mais seica o importante é frear o procès.