Na parcela afectada realizáronse distintas intervencións, con importantes remocións de terras para a repoboación con novas plantas de eucalipto. Todo indica que as intervencións levadas a cabo neste ben patrimonial non contaron coa preceptiva autorización de Patrimonio e, polo tanto, estariamos a falar de accións presuntamente ilegais que puideron danar gravemente un ben patrimonial protexido pola lei.
As asociacións denunciantes lémbranlle á industria do eucalipto que, grazas á Internet e ás múltiples imaxes que están á disposición de todo o mundo, as cortas, plantacións e remocións de terras son moi fáciles de detectar. Así mesmo, debido a que se editan periodicamente novas imaxes, é posible acotar as datas nas que se realizan as intervencións e mesmo se pode apreciar se nun xacemento protexido foi utilizada unha pa mecánica ilegalmente.
As infraccións en materia de patrimonio poden ser sancionadas con multas de 300 a 6000 euros, as infraccións leves; de 6001 a 150000 euros, as consideradas graves; e de 150001 a 1millón de euros as moi graves. Polo que é recomendable que calquera intervención sobre un xacemento arqueolóxico protexido, conte coa autorización previa do Servizo de Patrimonio.