A Mariña, 06 de febreiro de 2018.- ADEGA e Mariña Patrimonio vimos de presentar perante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) unha nova denuncia por posibles danos ocasionados nunha parcela no xacemento protexido de Os Castros, situado no concello de Barreiros (Lugo).
Na parcela afectada realizáronse distintas intervencións, con importantes remocións de terras para a repoboación con novas plantas de eucalipto. Todo indica que as intervencións levadas a cabo neste ben patrimonial non contaron coa preceptiva autorización de Patrimonio e, polo tanto, estariamos a falar de accións presuntamente ilegais que puideron danar gravemente un ben patrimonial protexido pola lei.
As asociacións denunciantes lémbranlle á industria do eucalipto que, grazas á Internet e ás múltiples imaxes que están á disposición de todo o mundo, as cortas, plantacións e remocións de terras son moi fáciles de detectar. Así mesmo, debido a que se editan periodicamente novas imaxes, é posible acotar as datas nas que se realizan as intervencións e mesmo se pode apreciar se nun xacemento protexido foi utilizada unha pa mecánica ilegalmente.
As infraccións en materia de patrimonio poden ser sancionadas con multas de 300 a 6000 euros, as infraccións leves; de 6001 a 150000 euros, as consideradas graves; e de 150001 a 1millón de euros as moi graves. Polo que é recomendable que calquera intervención sobre un xacemento arqueolóxico protexido, conte coa autorización previa do Servizo de Patrimonio.