Neste curso académico a matriculación na escola supera os 300 alumnos, que estudan as ensinanzas conducentes ao aprendizaxe de catro linguas diferentes, en concreto, os niveis básico, intermedio e avanzado de alemán, francés, inglés e italiano, así como nivel C1 de inglés, a modalidade a distancia “That´s Enghish” e outras probas de ensino libre.
Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita ao centro onde puxo en valor a importancia deste servizo, de xeito especial no contexto actual “no que o coñecemento de idiomas é cada día máis necesario para acceder ao mercado laboral ou para mellorar as perspectivas profesionais”.
Oferta catro idiomas con 306 matriculados
Balseiro explicou tamén que, por orde de preferencia, o inglés segue a ser a lingua con máis número de matriculados seguido do francés, alemán e italiano (estes dous últimos co mesmo número total de matrículas). Ademais na modalidade a distancia hai matriculados 22 alumnos, 9 estudantes máis no curso de CALC B1 en inglés (para docentes) e nos catro idiomas ofértase tamén a posibilidade de ensino libre, no que só é preciso realizar as avaliacións.
En inglés hai matriculados 40 estudantes nos distintos grupos de nivel básico, 53 estudantes nos grupos nivel intermedio, e 61 nos grupos de nivel avanzado. Tamén hai que incluír os 17 alumnos do curso en inglés C1.
En francés, 25 estudantes nos distintos grupos de nivel básico, 8 estudantes nos grupos nivel intermedio, e 12 nos grupos de nivel avanzado. Nas ensinanzas de lingua alemá, 13 estudantes en nivel básico, 7 en nivel intermedio e 9 estudantes máis en nivel avanzado. Finalmente, en italiano hai matriculados 12 alumnos en nivel básico, 13 en nivel intermedio e 4 máis en nivel superior.
A escola ribadense tamén ten en funcionamento un club de lectura e foi seleccionada para incorporarse ao Plan Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia grazas ao que recibe unha axuda anual estimada de 6.400 euros.
Balseiro concluíu salientando que a Escola Oficial de Idiomas presta un servizo educativo fundamental en Ribadeo e na súa comarca, e está especialmente indicada para os mozos e mozas que queren ampliar os estudos con vistas a incrementar a súa cualificación, así como a persoas e profesionais de todas as ideas que desexen mellorar as súas expectativas profesionais.