A Mariña, 2 de febreiro 2018. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña mobiliza a mais de mil persoas para acudir á manifestación convocada por S.O.S Sanidade Pública, da que forma parte a plataforma mariñá. Dez autobuses e centos de coches particulares levarán a Compostela o clamor de toda unha comarca que se opón contundentemente aos recortes en sanidade do Partido Popular, á eliminación da Área Sanitaria da Mariña, á centralización en Lugo dos recursos económicos que tiñan que ser xestionados desde o Hospital de Burela, para o Hospital de Burela e para a Atención Primaria na comarca, pero que desde a implantación da EOXI no 2013 pasan a depender do HULA, reducíndose e diminuindo desde aquela os servizos sanitarios na comarca e aumentando as derivacións a Lugo, ao HULA e ás clínicas privadas.
O desprazamento organizado mais grande para acudir a unha manifestación fóra da Mariña
Desde a Plataforma destacan tamén que esta é unha das mobilizacións mais grandes que tén habido na comarca para asistir a unha manifestación fóra da Mariña. E resaltan tamén o apoio recibido desde todos os puntos da comarca, de diferentes colectivos de índole veciñal, cultural, social, deportivo e tamén a nivel individual, independentemente das diferentes ideoloxías ou sensibilidades políticas.
A Mariña é unha soa voz na defensa da sanidade pública
A Mariña agora mesmo xa é unha voz única na defensa da súa sanidade pública, afirman desde a Plataforma, o que é unha garantía para seguir afrontando conxuntamente todas as loitas que esta comarca tén por diante, no referente especialmente á sanidade, pero tamén aos servizos públicos e mesmo ás infraestruturas, asuntos nos que esta comarca queda sempre marxinada.
As saídas dos buse serán desde as Estacións de Autobuses de Viveiro, Burela, Foz, Ribadeo,e desde a Casa do Mar de San Cibrao