Burela, 2 de febreiro de 2018. A Concellería de Medio Ambiente porá a disposición d@s veciñ@s 40 composteiros para potenciar a reciclaxe doméstica, que repartirá de forma gratuíta.
A Concellería que dirixe Noelia María Ben leva a cabo esta iniciativa en colaboración con Sogama, e comunica que “as persoas interesadas en participar nesta campaña de compostaxe doméstica poden anotarse na oficina de Medio Ambiente, sita na Praza da Mariña nº 13, no antigo edificio de Capitanía Marítima, ou no teléfono 982 580 867 en horario de 9:00 a 13:00 horas”.
Noelia Mª Ben subliña que “o obxectivo é reciclar materia orgánica en orixe transformándoa nun abono natural, compost, con excelentes propiedades para o chan e que o produtor pode utilizar na súa horta, xardín ou terras de cultivo, en substitución dos fertilizantes naturais”.
A edil burelesa engadiu que “sen dúbida este é un xeito ideal de aproveitar os desperdicios de comida e os restos da poda ou da horta, de maneira que reducimos o lixo que vai aos contedores e acadamos un abono natural”.
A concelleira de Medio Ambiente lembra que “é a terceira vez que contamos con composteiros para repartir entre os nosos veciños e veciñas, e estamos encantados coa demanda que teñen, vemos que a xente mostra moito interese por ser o máis ecolóxicos posibles nas súas hortas”.