Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2018.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo unha xuntanza de traballo cos concellos de Mondoñedo e Castro Caldelas, que acaban de incorporarse á lista das vilas máis bonitas de España, integrada unicamente por algo máis de medio centenar de municipios e que conta só con dous membros galegos.
A responsable do departamento de Turismo da Xunta de Galicia transmitiu a súa felicitación ás alcaldesas de Mondoñedo, Elena Candia, e de Castro Caldelas, Sara Inés Veiga, nunha reunión na que quixo coñecer as previsións destes concellos da Mariña e da Ribeira Sacra despois de acadar esta distinción, para á que é necesario cumprir unha serie de requisitos. Nava Castro amosoulles o seu apoio no seu compromiso de manter e mellorar a beleza dos seus centros históricos e patrimonio cultural, das súas tradicións e da súa contorna natural.
No encontro, celebrado na sede de Turismo de Galicia, tamén participou Francisco Mestre, presidente da Asociación de Los Pueblos más bonitos de España, á que se uniron os ditos concellos das provincias de Lugo e Ourense. Nava Castro expresou a súa confianza de que ambos sirvan de estímulo a outras localidades da Comunidade na súa constante mellora.
Novas liñas de axudas
Como lembrou, Turismo de Galicia conta con numerosas liñas de axudas e subvencións dirixidas ás entidades locais e xeodestinos para actuacións neste eido, desde sinalización e accesibilidade a mellora da súas infraestruturas e recursos ou galardóns, dotados con contía económica, ou os Premios Parabéns e os Premios Camiño de Santiago, que recoñecen o labor de embelecemento, limpeza e mantemento, o que beneficia a veciños e visitantes. De feito, o próximo luns Nava Castro informará das novas convocatorias para este ano.
Nese sentido, cómpre salientar que a Estratexia do turismo de Galicia 2020 busca aproveitar o valor histórico, artístico e cultural dos centros históricos cun correcto enfoque turístico que harmonice diferentes actividades. Así, recolle o artellamento de produtos que poñan o énfase no patrimonio material e inmaterial de cidades e vilas, o que favorece o aumento da estadía media e xera sinerxías con outros sectores das economías do ámbito rural.
A Estratexia 2020 sinala que o turismo cultural é percibido como un dos que máis potencial de crecemento terá nos vindeiros anos, tan só superado pola paisaxe e pola gastronomía. O visitante, especialmente o estranxeiro, está a demandar un patrimonio ben conservado.