Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro pregunta á Alcaldesa sobre o cartón que traballadores municipais recollen para entregar a unha empresa privada

Viveiro, 22 de xaneiro de 2018. O Grupo Municipal de SON VIVEIRO, a través do seu Concelleiro Don Luís Manuel García Otero, formúlalle unha pregunta á Sra. Alcaldesa para que sexa contestada no seguinte pleno acerca da camioneta coa que persoal municipal recolle e traslada o cartón á nave dunha empresa privada.

Desde a modificación do contrato de concesión do servizo público de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e limpeza dos espazos públicos no termo municipal de Viveiro subscrito coa empresa CESPA, S. A., é persoal dependente do Concello quen efectúa a recollida de mobles e aparellos.

Actualmente, a chamada Brigada Verde que se ocupa desa recollida e posterior traslado ao punto limpo recolle tamén unha gran cantidade de cartón que traslada á nave que Industrias Varias Reunidas (INVARE, S. L.) ten na parroquia de Magazos, aínda que debera ser CESPA, S. A. quen se fixera cargo da recollida do papel e do cartón, tal e como figura en tal contrato.

O edil Luís Manuel García Otero critica estas actuacións e solicítalle á Sra. Alcaldesa que aclare cales son as contraprestacións que recibe o Concello de CESPA por efectuar un servizo que lle compete á empresa concesionaria. “Tamén queremos saber -continúa o Concelleiro de SON VIVEIRO- cando ten previsto a Sra. Alcaldesa dotar á Brigada Verde dun vehículo axeitado para efectuar os traballos, posto que, pasados xa dezaoito meses, continúa utilizando unha pequena camioneta alugada con pouca capacidade e carente de grúa, que ten un custo de 1.400 € mensuais (16.800 € anuais) e evidencia a incapacidade do Goberno local para administrar de maneira eficaz os recursos municipais”.

Exit mobile version