LOURENZÁ, 23 de xaneiro de 2018.- “O pasotismo e deixadez” da alcaldesa de Lourenzá é tal que suprime o Pleno deste mes por non haber asuntos que tratar na Orde do Día. Trátase dun feito xa habitual que os populares atribúen “á desidia e á antixestión da socialista”, sobre todo, porque, indican, o argumento que esgrime “é de dubidosa credibilidade”, xa que na anterior sesión quedaron asuntos enriba da mesa que ben poderían ser tratados este mes. A modo de exemplo citan a ordenanza de vados ou o inventario de camiños municipais; dúas propostas das que se fixeron eco o grupo municipal do PP en resposta á petición de diversos veciños, e que ben poderían seren abordadas na reunión de xaneiro.
Ademais, “e por se isto fose pouco”, para a sorpresa dos edís desta formación política, resulta que a rexedora non só suprime a sesión deste mes sen fixar outra data alternativa, senón que a apraza ata marzo, impedíndolles así claramente aos grupos da oposición exercer o seu dereito de control ao goberno.
“Estásenos limitando claramente a nosa función. Ben é certo que iso xa leva pasando nos últimos meses, pero nunca se cheguera a esta situación tan ditatorial”. Neste senso, matizan: “estamos diante dun feito reiterado dende a toma de posesión, pois temos varios asuntos pendentes de resolver por parte do Goberno e de traer de novo ao Pleno”.
A este respecto, precisan que, nos últimos tempos, a xestión neste senso “vén deixando moito que desexar”, como así se demostra en que ao grupo municipal do PP xa non só non se lle contestan as preguntas ou rogos formulados no mesmo día do Peno, senón que se lles obriga a rexistralas previamente. “E iso, a pesares, de que algunha era tan sinxela como que concelleiro asistiu a unha reunión”, comentan.
Por todo elo, dende o PP queren trasladar as súas queixas publicamente, ao tempo que instan ao Goberno local a “ser mais rigorosos e serios, xa que un Concello non é a Casa de Tócame Roque, é a casa de todos os veciños e veciñas, así como de toda a Corporación que, como pouco, merecemos algo máis de respecto”, conclúen.