Foz, 25 de xaneiro de 2018. A décimo primeira edición do Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, que organiza cada ano o Instituto de Educación Secundaria (IES de Foz) celebrarase nesta ocasión do 21 ao 23 de febreiro. Este evento será presentado en Lugo o vindeiro martes, día 30 deste mes, e na vila focense o 8 de febreiro.
O director do IES focense, Nicolás Asensio, anunciou hoxe que a presentación na capital da provincia desenvolverase no edificio administrativo da Xunta de Galicia o vindeiro martes, día 30, ás doce do mediodía e incluirá unha demostración barista e degustación de cafés, actividades que tamén haberá no acto que se celebrará en Foz o 8 de febreiro, xoves.
Para a organización do décimo primeiro Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería o IES focense conta coa colaboración da Consellería de Educación, da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Lugo, do Concello de Foz e de diversas empresas.