Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro tramitou, ao longo de 2017, máis de 300 solicitudes de autorización de uso de locais de titularidade municipal e préstamo de material para a celebración de eventos e actividades diversas

Viveiro 24-1-18. Ao longo do pasado ano, o Concello de Viveiro tramitou máis de 300 solicitudes de uso de locais de titularidade municipal e de préstamo de material para a celebración de eventos e actividades diversas.

Entre os locais e espazos máis demandados cómpre citar a sala multiusos da casa do concello, a sala de exposicións da biblioteca municipal, o salón de actos do Conservatorio Profesional de Música ou o Teatro Pastor Díaz. Tamén se tramitaron expedientes autorizando o uso de divesos pavillóns; da Aula Cemit; dos locais sociais de Galdo e Covas; da Casa do Forno; de diversas dependencias ou partes do Pazo da Misericoria; dos locais dos Claustros de San Francisco; ou, mesmo, de espazos públicos como a Praza Maior ou a Praza da Fontenova, entre moitos outros.

Grazas a estas cesións, que se realizan de forma gratuíta, organizáronse eventos de moi diverso tipo: xuntanzas informativas, reunións e asembleas; accións formativas; festivais de nadal, entroido ou fin de curso; competicións deportivas; concertos, representacións teatrais ou presentacións literarias; exposicións; etc. Ademais, mediante a cesión de espazos de titularidade municipal e o préstamo de material o concello tamén vén colaborando anualmente na celebración de distintos eventos, como poden ser os distintos actos da Semana Santa, a Camovi, a Mostra Folclórica Internacional, a Festa da Merluza, as festas parroquiais ou o Resurrection Fest, entre moitas outras actividades que se veñen celebrando de forma periódica cada anualidade.

Polo que atinxe ao material, cómpre sinalar que o concello procura atender as solicitudes que se presentan, facilitando, na medida do posible, o préstamo de sillas, cabaletes, tarimas, pantalla e proxector, casetas, parrillas, vallas e un longo etcétera de material diverso. Neste sentido, cómpre destacar o elevado número de solicitudes presentadas con motivo da Feira Renacentista para o préstamo de mesas e cadeiras, nas que, entre particulares e negocios de hostalería, se solicitaron 70 taboleiros e 775 sillas, unha cifra moi superior ao material dispoñible.

En canto aos solicitantes de espazos e material de titularidade municipal, cabe sinalar que a maior porcentaxe corresponde a asociacións veciñais, culturais ou deportivas do municipio, aínda que tamén se atenden solicitudes de asociacións doutros concellos, de agrupacións políticas, de centros educativos ou de particulares.

Finalmente, ademais da cesión de uso de espazos de titularidade municipal e do préstamo de material, dende o concello tamén se colabora con multitude de actividades mediante a colaboración dos propios departamentos, maioritariamente a través da Policía Local, de Protección Civil ou do Departamento de Obras.

Esta é unha mostra da aposta que se fai dende o Concello de Viveiro poñendo a disposición da veciñanza, sempre que é posible, os recursos propios co fin de dinamizar o municipio e favorecer a organización de actividades de distinto tipo.

Exit mobile version