Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo presenta un orzamento para 2018 nivelado en gastos e ingresos e que ascende a 7.075.028,97 euros

Cervo, 08 de xaneiro de 2017.- O Concello de Cervo, a través do alcalde, Alfonso Villares e da edil de Facenda, Dolores García Caramés, presentou os orzamentos do 2018 a toda a Corporación Municipal durante a Comisión de Facenda, que tivo lugar no día de hoxe.
Tal e como apuntou Villares, trátase dunha cifra nivelada entre os ingresos e gastos que ascende a 7.075.028,97 euros.
O rexedor destacou a partida dirixida a gastos de persoal, por exemplo, que é de 2.858.313,51 euros; aproximadamente un 40% do orzamento, “o que é boa mostra da aposta deste equipo de Goberno por ofrecer aos nosos veciños servizos maioritariamente públicos, xestionados integramente dende o propio Concello”
Villares resaltou así mesmo o apartado de investimentos reais; ao que tamén diriximos unha contía importante que ascende a case un millón de euros “porque a nosa intención é seguir esa liña que vimos marcando nestes últimos anos co fin de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, investindo naquelas infraestruturas esenciais que moitas veces non se ven, como as melloras na rede de abastecemento ou o achegarmento do saneamento aos núcleos rurais; dotándoos de servizos de calidade para os seus habitantes, e coas que tamén tentamos favorecer o asentamento de nova poboación nas nosas aldeas”.
Seguimos así mesmo –engadiu- apostando pola dinamización e activación social no noso municipio, dirixindo unha aportación importante a aqueles apartados que consideramos esenciais como son a educación, a cultura, os servizos sociais ou mesmo o turismo, no noso municipio.
Pretendemos polo tanto con estes orzamentos que vimos de presentar proseguir ese camiño inversor que vimos marcando dende vai anos, prestando especial atención a dar resposta ás necesidades e demandas dos nosos veciños.

Exit mobile version