O programa tivo como actividade principal un curso gratuíto de monitor de tempo libre, pero tamén se complementou con diferentes obradoiros de intelixencia emocional, de motivación empresaria ou mesmo cunha actividade de ioga.
A proposta consistiu na realización dunha serie de actividades encamiñadas a dotalos da motivación e das habilidades precisas para o seu futuro.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Xuventude, Dolores García Caramés foron os encargados de entregar as acreditación aos 13 rapaces que participaron, felicitándoos polo traballo desenvolvido a diario durante os case dous meses que durou o curso e sinalaron que “dende o Concello de Cervo, neste caso a través da delegación de Xuventude, traballamos para tentar ofrecerles aos mozos todas as ferramentas que temos na nosa man, para complementar e dirixir a súa formación programando diversas actividades que cremos que constituirán un apoio importante para o seu futuro e desevolvemento persoal e profesional, nun mercado laboral cada vez máis competitivo”.
O rexedor sinalou que tanto os alumnos como os monitores “trasladáronnos que se cumpriron os obxectivos marcados, e que recibiron a formación necesaria para participar en campamentos, nas diferentes actividades socioculturais que se programen, en obradoiros…; “algo que nos satisface e nos anima a programar novas iniciativas de formación xuvenil de cara aos vindeiros meses”.