O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, desprazáronse ata a coñecida como fincas das Quintas, en Cervo, para supervisar os traballos de repoboación que se veñen de rematar. Tal e como apuntaron “foron 1000 os exemplares que se plantaron neste monte, 200 salgueiros, 200 bidueiras, 200 carballos, 100 freixos, 150 abeleiras e 150 sorbeiras; todos eles árbores do país que aportarán, sen dúbida, un valor engadido a esta parcela a medio prazo”.
O rexedor sinalou que estes traballos de reforestación tamén os vimos facendo en colaboración coas Comunidades de Montes do municipio, e con maior intensidade nas dúas últimas lexislaturas de tal xeito “que son máis de 8000 as árbores frondosas produtivas que plantamos en preto de 20 hectáreas de monte municipal”.
Ademais Villares recordou que, sabedores da tremenda importancia de manter os montes limpos, destinamos cada ano unha gran cantidade de recursos para este fin, de tal xeito que esa é unha das tarefas fundamentais que teñen encomendada os nosos operarios; unha mensaxe que é fundamental que cale tamén entre os nosos veciños “porque está demostrado que as tarefas de mantemento son básicas para previr riscos, ou, polo menos, minimizalos”.
Estamos a facer un traballo con previsión de futuro, do que non veremos un froito inmediato -engadiu-, “pero que deixaremos en herdanza aos nosos fillos”. Son actuacións coas que tamén poñemos en valor o bosque autóctono galego, e que estamos convencidos de que darán resultados moi positivos a medio prazo, tanto a nivel turístico, polo embelecemento do propio bosque, como a nivel económico-produtivo; “polo que tamén animamos aos nosos veciños a que revitalicen as súas fincas con estas especies que poden chegar a ser incluso un medio de vida no futuro”.
A edil de medio ambiente, Manuela Méndez, apuntou que nos vindeiros días está previsto que os participantes no Obradoiro de Emprego que temos no Concello de Cervo de temática forestal planten outro dos montes municipais con castiñeiros, carballos e outras frondosas; son case 2 hectáreas, na zona do Polígono de Cuíña.