Para o BNG é absolutamente inadmisíbel que o logotipo da Delegación da Xunta en Lugo e a imaxe institucional da campaña dirixida a previr a violencia machista no ámbito veciñal remate anunciando unha “breve charla”, un menú e unha visita a un centro comercial. “No BNG queremos saber cantos cartos se destinaron a financiar esta actividade, que parte do ‘pack’ corre a conta do Goberno e se a Xunta obriga a veciñanza das localidades e comarcas a se desprazar até a cidade de Lugo para visionar un filme sobre violencia machista en vez de aproximar os materiais e as campañas que promove á poboación” afirmou a parlamentaria do BNG.
Así mesmo, o BNG preguntará pola opinión que lle merece á Xunta que as súas políticas rematen promovendo excursións e se este é o obxectivo da campaña de prevención da violencia machista no ámbito veciñal que anuncian a bombo e prato. Desde o BNG lembran que estamos a falar dun dos maiores problemas políticos que temos a día de hoxe. “Non se pode trivializar a violencia machista nin promover excursións veciñais para visitar centros comerciais con ela” concluíu Rodil.