“Nos eventos que houbo durante o Nadal, todo o mundo puido comprobar como as persoas voluntarias de Protección Civil facían os operativos nos seus vehículos particulares, mentres o vehículo cedido pola Xunta para esta función era utilizado para outros fins”, relata a portavoz municipal do BNG.
“A última vez que puidemos comprobar esta situación foi hoxe mesmo, durante o desenvolvemento da Carreira de Reis que se organiza en San Cosme, onde mesmo utilizaron vehículos particulares para acompañar o percorrido da carreira”, afirman.
Para o Bloque Nacionalista Galego esta situación “non só é esperpéntica, xa que pode darse a situación de que haxa unha emerxencia neste Concello de madrugada, por exemplo, e as persoas responsables de acudir non conten co vehículo a disposición e teñan que andar buscando onde está para poder utilizalo”. Pero é que “ademais, o que está facendo este goberno municipal é incumprir o convenio de cesión do vehículo que asinou persoalmente o Alcalde e no que se establece que o vehículo debe destinarse a misións de protección civil e emerxencias, obrigándose ao seu mantemento durante un mínimo de cinco anos posteriores a esta cesión (foi asinada o 20 de outubro de 2015). O incumprimento desta obriga (…) será causa de reintegro… “Polo tanto, o que está facendo o goberno municipal é incumprindo con unha obriga que pode conlevar a devolución do vehículo e, chegado o caso, a imposición de sancións”, explica Ana Ermida.
Desde o BNG solicitan explicacións por parte do goberno municipal e, concretamente, do Alcalde barreirense quen parece que é responsable directo desta situación e esixen a restitución da normalidade no relativo á disposición do vehículo de Protección Civil para as funcións que lle corresponden.