Barreiros, 7 de xaneiro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros fixo público que as chaves do vehículo de protección civil cedido pola Vicepresidencia da Xunta de Galiza ao Concello de Barreiros non están en mans da persoa responsable dos operativos de emerxencias e protección civil, debido a que desde a Alcaldía se solicitaron antes do Nadal para unha persoa particular que a única relación que ten co Concello de Barreiros é ter unha empresa que realiza traballos para o municipio. “Non sabemos se é que o Alcalde de Barreiros pretende tamén a privatización deste servizo”, ironizan desde a formación nacionalista.
“Nos eventos que houbo durante o Nadal, todo o mundo puido comprobar como as persoas voluntarias de Protección Civil facían os operativos nos seus vehículos particulares, mentres o vehículo cedido pola Xunta para esta función era utilizado para outros fins”, relata a portavoz municipal do BNG.
“A última vez que puidemos comprobar esta situación foi hoxe mesmo, durante o desenvolvemento da Carreira de Reis que se organiza en San Cosme, onde mesmo utilizaron vehículos particulares para acompañar o percorrido da carreira”, afirman.
Para o Bloque Nacionalista Galego esta situación “non só é esperpéntica, xa que pode darse a situación de que haxa unha emerxencia neste Concello de madrugada, por exemplo, e as persoas responsables de acudir non conten co vehículo a disposición e teñan que andar buscando onde está para poder utilizalo”. Pero é que “ademais, o que está facendo este goberno municipal é incumprir o convenio de cesión do vehículo que asinou persoalmente o Alcalde e no que se establece que o vehículo debe destinarse a misións de protección civil e emerxencias, obrigándose ao seu mantemento durante un mínimo de cinco anos posteriores a esta cesión (foi asinada o 20 de outubro de 2015). O incumprimento desta obriga (…) será causa de reintegro… “Polo tanto, o que está facendo o goberno municipal é incumprindo con unha obriga que pode conlevar a devolución do vehículo e, chegado o caso, a imposición de sancións”, explica Ana Ermida.
Desde o BNG solicitan explicacións por parte do goberno municipal e, concretamente, do Alcalde barreirense quen parece que é responsable directo desta situación e esixen a restitución da normalidade no relativo á disposición do vehículo de Protección Civil para as funcións que lle corresponden.