Ribadeo, 23 de xaneiro de 2018. APAGA levará adiante varias actividades nas vindeiras semanas que xa iniciará coa celebración dun curso de xestión de centralitas este sábado, día 27. A este fin de semana tecnolóxico, que se celebrará en Ribadeo, asistirán 10 alumnos procedentes da Mariña, Pontevedra, A Coruña e Asturias, e será impartido polo profesor ferrolán Javier Piñeiro. Celebrarase nas instalacións do hotel O Cabazo. Ademais a vindeira semana, o día 30, chegará un grupo de 7 alumnos e unha mestra italianos, que pasarán un mes en Ribadeo realizando prácticas en talleres da zona.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, comentou que “vamos realizar outro curso o día 27 deste mes, que é de xestión de centralitas. Está programado para dez persoas, neste momento creo que aínda quedan dúas prazas por cubrir. Está orientado tanto a profesores de formación profesional como a técnicos de taller. Precisamente creo que a maioría nesta ocasión son técnicos de taller os que van participar neste curso, xente dos talleres de Ribadeo, outros da zona de Asturias, e hai profesores de Coruña, Pontevedra e algún tamén de Ourense. A xornada vaise celebrar o sábado, día 27, en sesión de mañá e de tarde. Pola mañá será máis teórica e pola tarde sesión práctica á que todos os participantes teñen que traer un ordenador portátil para poder instalar os softwares de xestión de centralitas”.
Doural lembrou que “a xente que estea interesada pode poñerse en contacto con nós a través da nosa web ou teléfono de contacto”.
O presidente deste colectivo adiantou ademais que “a finais deste mes, o día 30, chegará un grupo de alumnos italianos, da zona de Brescia, que van facer prácticas nos talleres da zona de Ribadeo, e que estarán ata primeiros de marzo. Veñen acompañados dunha profesora e son sete alumnos. Esta é unha das actividades ás que este ano, dentro do plan de internacionalización da asociación, pretendemos darlle bastante empuxe á acollida tanto de alumnos como de profesores. Posiblemente na primavera vai chegar un grupo de profesores filandeses. Este ano 2018 vai ser bastante potente á hora de acoller en Ribadeo tanto a alumnos como profesores. No mes de abril iniciarase un novo proxecto de mobilidade con saídas a distintos países da Unión Europea”.
Álvaro Doural engadiu que “se está a traballar neste momento, quedan poucos días para presentalo, no proxecto de 2019, que se presenta agora pero que se executará no vindeiro ano. Tamén está previsto que se traballe con outros socios europeos nun proxecto de innovación sobre o vehículo eléctrico. Empezarase a principios de febreiro e presentarase a finais de marzo para un proxecto a dous anos”.
Museo de vehículos clásicos
O presidente de APAGA comentou que “seguimos traballando nun dos temas estrela, que levamos varios anos traballando nel, que é o museo de vehículos clásicos. Seguimos intentando solucionar este tema, e a ver se hai maneira de que ao final este museo se quede na Mariña de Lugo. A situación neste momento é bastante complexa e difícil, pero seguimos traballando no tema”.
Álvaro Doural indicou que “se precisarían unhas instalacións e unhas naves, e creo que principalmente moita vontade política de querer investir neste proxecto realmente impresionante que levaría a exposición deses sesenta coches clásicos populares que percorreron as nosas estradas, que son cedidos gratuitamente por Paco Roibás, un ribadense afincado en Madrid. Leva tamén unha parte dedicada a Eduardo Barreiros e unha parte tamén dedicada a Barros, o gran empresario de Galicia afincado no seu momento en Viveiro. Ademais levaría un curso de restauración de vehículos”.
O presidente desta asociación considera que “é un proxecto francamente moi ambicioso, pero que creo que traería un importante valor engadido para as poboacións da Mariña, especialmente onde se asente. Levamos loitando polo tema, pero a verdade é que estamos tendo moi pouca acollida. Quizás na Mariña agora se vai máis cara ao tema turístico, que é o que está primando, víamos estes días en Fitur unha importante representación da Mariña. Ao mellor se estivéramos no País Vasco ou noutra comunidade isto estaba feito xa hai meses”.