Ribadeo, 24 de xaneiro de 2018. O vindeiro 1 de febreiro dará comezo nas parroquias unha nova edición de Aquí?… coma de 20!. Nesta ocasión a actividade estará centrada no envellecemento e movemento activo e está baseada na práctica do Chi-Kung e do Tai-Chi “co obxectivo de paliar e retrasar os efectos do paso do tempo tanto no corpo como na mente e de mellorar a calidade de vida”.
Desde o Concello sinalan que “esta actividade é apta para todas idades, ten carácter gratuíto e todas as persoas interesadas en participar o único que teñen que facer é achegarse á parroquia correspondente e cubrir a ficha de inscrición”. Tamén poden obter máis información na Casa da Xuventude ou chamando ao seguinte número de teléfono 982 129 889.
Os martes haberá envellecemento activo en Cinxe de 15:30 a 17:00 horas e en Remourelle de 17:30 a 19:00 horas. Os mércores será en Santalla de 15:30 a 17:00 horas. Os xoves no mesmo horario en Rinlo. E o venres en Vilela de 15:30 a 17:00 horas e en Ove de 17:30 a 19:00 horas.