Mondoñedo 22-12-17. Unha iniciativa veciñal, apoiada pola totalidade dos grupos que forman parte da corporación municipal, homenaxearán o 13 de xaneiro en Mondoñedo a Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez asasinados polo fascismo fai oitenta anos. Segundo os promotores do acto “o obxectivo do mesmo é restaurar a memoria dun tempo histórico que sistematicamente nos foi negado, recuperar unha parte tan significativa como oculta da historia de Mondoñedo e facer xustiza con estes tres veciños nosos inxustamente asasinados. Sabemos que a homenaxe chega tarde, que a mesma debeu de realizarse con anterioridade pero non queremos deixar pasar esta efeméride, os tres foron asasinados o 12 de xaneiro de 1938, para facer xustiza con Siervo González Graciano Paz e Manuel Rodríguez”.
O programa de actos a desenvolver o día 13 de xaneiro dará comezo ás 12:00 no parque da Travesía, detrás do cemiterio vello, a carón do lugar onde foron asasinados, onde tomaran a palabra, entre outros, familiares de Siervo González e Graciano Paz, representantes dos grupos que fan parte da corporación municipal, o cronista oficial de Mondoñedo e rematando cunha actuación musical. De seguido, ás 13:00 h, celebrarase unha mesa redonda na casa da xuventude, coa participación de persoas que coñecen e teñen estudado a figura dos homenaxeados e o contexto social, cultura e político de Mondoñedo nese momento histórico. A xornada rematará cun xantar de confraternidade, aberto a todos aqueles que queiran asistir, cun número de prazas limitado de 50 persoas, sendo necesario inscribirse previamente no número de telefono 605 79 23 99.
Os tres homenaxeados foron uns mindonienses bos, asasinados polo seu compromiso social e pola súa entrega a un Mondoñedo mellor, socialmente máis xusto, desenvolto culturalmente e democraticamente avanzado. Siervo González Rivas (Mondoñedo 1886-Mondoñedo 1938), funcionario municipal, directivo da Sociedade de obreiros católicos, presidente da sección local da Confederación Nacional do Traballo, militante do Partido Sindicalista e da Unión Socialista Galega, sendo cabeza de lista desta forza política nas eleccións ao congreso de 1933. Graciano Paz Amieiro “O Latoeiro” (Mondoñedo 1893-Mondoñedo 1938), tesoureiro da Sociedade de obreiros católicos desde 1926 até 1932, directivo do Sindicato de oficios varios da CNT e militante da Unión Socialista Galega.Manuel Rodríguez Núñez(Mondoñedo 1893-Mondoñedo 1938), comerciante residente na rúa Febreiro, ocupou responsabilidades directivas na Sociedade de obreiros católicos, de cuxo orfeón fixo parte, militou ao tempo na CNT, no Partido Sindicalista e na Unión Socialista Galega.
O colectivo promotor considera que hai razóns dabondo para homenaxear a estes tres veciños de Mondoñedo e na súa persoa a todos aqueles que na cidade foron vítimas da represión franquista, atendendo ao noso firme convencemento de que a democracia ten unha débeda impagábel con estas persoas. Neste sentido, queremos facer un chamado ao conxunto dos colectivos sociais, veciñais e culturais de Mondoñedo e da Mariña así como a todas aquelas mulleres e homes da zona para que se sumen a este acto de homenaxe. A fin de facer posíbel a achega destas adhesións ao acto poñemos a vosa disposición a nosa conta de correo electrónico martiresdemondohnedo@gmail.com e o número de telefono 605 79 23 99.