Alfoz 5-1-18. Coa edición practicamente esgotada, o autor de A raíña das velutinas acudirá á libraría Bahía, de Foz, convidado polos responsábeis do estabelecemento co ánimo de facilitar un encontro cos lectores, e por extensión con todas aquelas persoas que desexen coñecer a orixe desta narración premiada o pasado ano no Certame de Novela Lueiro Rey.
O citado título foi tamén escollido como lectura colectiva do mes de decembro polo club de lectura da asociación cultural A Pomba do Arco, da mesma localidade.
O xoves 11 de xaneiro ás 20:30 h., terá lugar un coloquio na devandita libraría, co obxectivo de que os asistentes que lesen a novela poidan expresar as súas dúbidas e formular todas aquelas cuestións que desexen.
A finais de decembro, o autor participou nunha experiencia semellante ante o club de lectura da A.C. “Francisco Lanza” de Ribadeo, colectivo que tamén escollera A raíña das velutinas como lectura colectiva.
Desta volta, a actividade está coorganizada pola Libraría Bahía e pola A.C. “A Pomba do Arco”.