O rexedor municipal explicou: “tivemos a visita dun grupo de enxeñeiros pertencentes á empresa INOR Ingenieros, que son os que están realizando o anteproxecto da nova depuradora de Foz, contratado recentemente por Augas de Galicia. Teñen un prazo de catro meses para elaborar este estudo cunha nova localización da depuradora, cun amplo apoio por parte da corporación, na zona da Granda, entre Fazouro e Forxán. Foi unha primeira toma de contacto para facer unha análise tanto das instalacións existentes como da propia xeografía por onde van as redes de sumidoiros e por onde deben ser as conexións; os pozos de bombeo, que tanto en Llas como en Peizás teñen a súa propia problemática que hai que tratar de resolver neste anteproxecto, que será a base coa que traballará despois a corporación para aprobalo definitivamente e empezar xa co proxecto definitivo e a obra”.
Javier Castiñeira lembrou que esta actuación “está financiada integramente por parte da Xunta de Galicia con 8 millóns de euros, froito dun convenio asinado co Concello”.
O alcalde comentou que “esta primeira toma de contacto dos técnicos foi positiva e a súa impresión é que antes de redactar ningún documento queren analizar como está a situación actual e a partir de aí empezar xa a traballar coa comisión de seguimento da depuradora para ter datos e dar información. Creo que estamos preparados para que en pouco tempo poidan presentárnolo os técnicos de Augas. E partir de aí confiamos en que nestes catro meses haxa un documento fidedigno que despois nos permita á corporación tomar a mellor decisión e, sobre todo, avanzar no tema da depuradora de Foz, eliminar a actual que está no núcleo urbano e tantos problemas nos está dando, tanto medio ambientais como tamén de malos cheiros e molestias para os veciños, e tratar de avanzar nun tema tan importante como é a depuradora de Foz. Este 2018 será un ano importante neste sentido e temos a confianza de que neste exercicio a corporación decidirá e a partir de aí quedará todo nas mans da Xunta de Galicia e trataremos de que a contratación se faga neste ano ou, se non pode ser, no 2019”.