Balseiro mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane) e do concello de Viveiro, na que reiterou o apoio da Xunta ao proxecto do colectivo, que pretende habilitar unha residencia para persoas con diversidade intelectual na totalidade do edificio que actualmente comparte coa Escola Oficial de Idiomas.
Para elo, sinalou o delegado, “é preciso atopar outras instalacións no concello que reúnan as condicións axeitadas para albergar este servizo educativo que están utilizando 242 persoas no presente curso”.
Ata o de agora, segundo explicou o delegado, o concello de Viveiro barallou tres opcións “todas elas inviables”. En primeiro lugar, o edificio da antiga Fundación Comarcal, “que o propio concello descartou recoñecendo que non reúne as condicións apropiadas”.
En segundo lugar, o edificio do Casino, unha concesión de Portos de Galicia que neste momento sigue en mans dunha sociedade privada e que, en todo caso, non pode ser destinado a usos educativos, xa que debe manter a súa vinculación con actividades portuarias.
Por último, o antigo colexio público de Celeiro, agora do Instituto Social da Mariña, que exixiría unha reforma de gran calado cun orzamento moi custoso.
Pola súa banda, a Xunta realizou unha auditoría das súas propias instalacións pero non hai ningunha que se preste para acoller a escola de idiomas, dado que só están dispoñibles unhas oficinas na Casa do Mar cun tamaño claramente insuficiente.
Balseiro afirmou que a xuntanza de hoxe ten como obxectivo “impulsar este proxecto, xa que todos queremos o mellor para Viveiro, e iso sería que puideran dispoñer do servizo de residencia que proxecta Aspanane e da Escola Oficial de Idiomas, á que acoden alumnos de todo o entorno”
O delegado lembrou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inviste máis de 600.000 euros no mantemento da Escola Oficial de Idiomas de Viveiro e a sección de Burela. Nas instalacións de Celeiro, cuxa concesión esta vixente ata 2075, se imparten clase 11 docentes, nas especialidades de inglés, italiano, alemán e francés.