O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que esta convocatoria de axudas ten unha importancia fundamental para a provincia, que representa máis do 45% tanto dos expedientes que se aprobaron como do importe global das subvencións que se concederon no conxunto de Galicia.
En concreto, as axudas suman un orzamento de 18.051.600 euros sobre un investimento total subvencionable de 33.123.164 euros, “un esforzo que realizaron os agricultores e gandeiros na súa aposta por modernizarse e co que colabora a Xunta porque precisamos explotacións dimensionadas e competitivas que constitúan un piar forte para o progreso económico de Galicia, e moi especialmente de Lugo”, afirmou Balseiro.
O delegado desgranou os datos por comarcas, que son os seguintes:
Terras de Lemos: 15 expedientes aprobados, que suman 1,4 millóns de euros en axudas dun investimento total de 2,7 millóns de euros.
Chantada: 29 expedientes, con 2,1 millóns de euros en axudas para un investimento total de 3,9 millóns de euros.
Sarria: 62 expedientes e 3,9 millóns de euros en axudas para mobilizar un investimento total de 7,4 millóns de euros.
Lugo: 59 expedientes, 4,2 millóns de euros en axudas para un investimento mobilizado total de 7,6 millóns de euros.
Ancares: 28 expedientes, 719.847 euros para mobilizar 1,3 millóns de euros.
Terra Chá: 54 expedientes, 1,7 millóns de euros en axudas para mobilizar 3,4 millóns de euros.
A Fonsagrada: 15 expedientes, cunha axuda de 437.385 euros para un investimento total de 829.000 euros.
Meira: 10 expedientes, cunha axuda de 600.388 euros para un investimento mobilizado de 1 millóns de euros.
A Ulloa: 29 expedientes, con 2,4 millóns de euros en axudas e unha mobilización total de 4,3 millóns de euros.
A Mariña: 10 expedientes con 294.402 euros en axudas e un investimento mobilizado total 590.000 euros.
Conceptos subvencionables
Este programa de axudas, que se convoca anualmente, apoia investimentos materiais e inmateriais que realicen os agricultores e gandeiros e supoñan unha mellora do rendemento global, a competitividade ou a viabilidade da explotación.
En particular, son subvencionables, entre outros conceptos: A reforma ou construción de instalacións que supoñan unha redución de custos de produción ou un incremento na produtividade, a compra de nova maquinaria, a compra de terreos, e a adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos.
Non poden limitarse a substituír un edificio ou unha máquina existentes por outros novos se non se xustifica cunha ampliación da capacidade de produción de máis dun 25 % ou coa introdución de cambios fundamentais na natureza da produción ou na tecnoloxía. Establécese un investimento mínimo de 5.000€ para poder ser subvencionable.
Os beneficiarios comprométense a exercer a actividade agraria na explotación durante, polo menos, cinco anos. Tamén a levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da explotación, e a cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, entre outras medidas.