Na provincia lucense, a actuación levarase a cabo na Fonsagrada, Navia de Suarna, Castroverde, Becerreá, Baleira, Cervantes, Monforte de Lemos, Pantón, Ribadeo, Xove, Viveiro, Cervo, Foz, Barreiros, Burela, O Valadouro, A Pastoriza, Mondoñedo, Lourenzá, Abadín, Trabada, Outeiro de Rei, Rábade, Cospeito, Guitiriz, Vilalba, Xermade, Sarria, Láncara e Palas de Rei.
A campaña xira en torno a dous eixos principais: alertar e concienciar dos ricos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando das causas máis recorrentes dos sinistros e achegar as recomendacións básicas que poden evitar accidentes ou, polo menos, minimizar as súas consecuencias.
Deste xeito, o Goberno galego repartirá 10.000 trípticos e 3.000 carteis que recollen información técnica en catro ámbitos, que son os que se consideran máis relevantes na prevención de riscos neste ámbito: a seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixe cardánico, a protección do tractor fronte a envorcaduras e as medidas a tomar en caso de que se produza este feito. A información distribuirase por un total de 2.226 puntos entre Concellos, centros de saúde e sociais, farmacias, comercios de maquinaria agrícola, puntos de venda de material e produtos agrícolas, centros educativos, bares e cafeterías, clínicas veterinarias e cooperativa agrarias e gandeiras.
Toca lembrou a importancia de concienciar aos traballadores sobre a prevención de riscos no manexo do tractor e tamén á poboación non traballadora, xa que, segundo apuntou, a maior parte dos sinistros ocorridos neste ámbito non son laborais. A gran maioría destes sinistros, en palabras da secretaria xeral, prodúcense entre persoas maiores de 65 anos, sendo as principais causas as envorcaduras, atrapamentos e accidentes de circulación.
Deste modo, os destinatarios principais da campaña é a poboación do rural que manexa o tractor no traballo ou no seu ámbito familiar con especial incidencia entre os máis novos para que incorporen o valor da anticipación ao risco como xeito de evitar perigos.
O obxectivo da actuación é, polo tanto, concienciar e reducir a sinistralidade neste sector, especialmente no eido rural, sensibilizando á poboación para que incorpore nas súas tarefas cotiá a prevención de riscos para evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas.
Estratexia de seguridade e saúde no traballo
A actuación forma parte da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en coordinación cos axentes sociais, está desenvolvendo para garantir un emprego seguro e de calidade como elemento clave da competiividade. A planificación inclúe 163 medidas distribuídas nos 6 obxectivos estratéxicos da folla de ruta.
Entre os obxectivos destacan a mellora da eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.
Con esta nova Estratexia, en palabras de Toca, estase a reforzar o rol do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) no deseño, coordinación e execución das políticas públicas, ao tempo que potencia e fortalece ás institucións dedicadas á prevención.