O rexedor dixo que “ter aprobado o orzamento municipal desde finais do ano anterior permítenos sacar obras a licitación pública. De aí que hoxe no Boletín Oficial da Provincia saian dous anuncios de obras importantes, unha delas na parroquia de Cedofeita, concretamente vamos sacar a licitación o ensanche e o reforzo do firme da estrada que vai a Piñeiro, por un importe total de 70.000 euros que vai sufragado entre achega de fondos municipais e da Xunta de Galicia, a través dun plan de mellora do Agader. É un contrato a licitación aberta e todas as empresas que cumpran os requisitos teñen 26 días naturais a partir desta publicación para presentar as súas ofertas”.
Suárez Barcia explicou que “tamén hai outro anuncio, neste caso a nivel urbano, da vila, é do pavimentación e urbanización da rúa San Roque, unha obra moi importante que se vai sufragar integramente con fondos municipais e que ascende no presuposto de licitación a 660.000 euros, divididos maioritariamente neste ano 2018, aproximadamente 500.000 euros, e o resto, uns 160.000, no 2019. Para isto tamén todas as empresas que queiran concorrer e que estean coa capacitación que se require teñen 26 días naturais para presentar as súas ofertas desde o día de hoxe”. O alcalde contou que “esta obra ten que ser feita en varias fases: na primeira delas desde o inicio da execución debe estar listo o primeiro treito antes da data do Ribadeo Indiano, que se celebra o segundo fin de semana de xullo; e este treito debe ser desde aproximadamente onde están os Cocos, na Praciña de San Roque, ata o encontro coa rúa Vilalba. E despois do verán deberán facer a continuación ata o remate, aproximadamente na capela da Virxe do Camiño”.
Para Fernando Suárez “son obras moi importantes, que van supoñer un cambio significativo positivo, que xerarán algunhas molestias, sen dúbida, cando se fagan e durante o seu período de execución, pero vai ser para beneficio dos veciños e veciñas de Ribadeo”.